No Salón fixemos a nosa propia manifestación polo #8M e amais do pensamento feminista que sempre nos acompaña, hoxe lucimos unhas pañoletas moradas para lembrar que queda moito camiño por percorrer. Así recibimos ao alumnado dos CEIPS Barcelos, Xunqueira 1, CEP Campolongo e Colexio Sagrado Corazón que viñeron gozar dunha programación moi especial polo Día Internacional da Muller.
Tivemos unha convidada moi especial de Catalunya, Susana Peix, que nos achegou dúas das súas historias “Draco” e “O mellor gato da vila”, tamén acompañada de lingua de signos. Aprendemos unha chea de cousas, tamén algunhas palabras en catalán. Temos moitos contos de Susana Peix na biblioteca do Salón.
Visitáronnos os amigos de Polo correo do vento que viñeron con reforzos para falar (ilustrar e poñer música) como non podía ser doutro xeito, á figura de Luísa Villalta. Autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, narradora, poeta, muller valente e comprometida socialmente, ecoloxista e feminista… Os nenos e nenas escoitaron atentamente cada detalle mentres a ilustradora Tania Solla illustration debuxaba e Antón Ke tocaba porque… sabedes outra cousa máis de Luísa? Amaba a música, que sempre aparecía na súa obra. E é que por se fora pouco, era tamén titulada en violín e coñecida coma “a escritora do violino”.
Nunca reparastes en que no mundo da maxia hai moitos máis magos que magas? Pois habelas hainas e por iso quixemos convidar a Sara, de Magia en la Manga que co seu compañeiro Carlos nos amosou a historia de moitas magas descoñecidas. E si, coa maxia e cos contos tamén podemos loitar pola igualdade, neste 8 de marzo e en todos os días do ano.
Pola tarde
Como de máxico é ter en conta a opinión e as achegas da cativada? O Concello de Pontevedra traballa para poñer en marcha en setembro o Consello da Infancia, que parte da base ideada polo pedagogo Francesco Tonucci, ao sinalar que unha cidade mellor para os nenos e as nenas será tamén unha cidade mellor para todos e todas. Dentro desta iniciativa, tivo lugar hoxe no Salón a primeira sesión de ‘Contas moito’ onde nenas e nenos de 9-10 traballaron sobre a importancia, da opinión, de compartir, da posta en común, etc.
Falaron de canto se ten en conta a súa opinión no ámbito escolar, familiar e cidadá, dos temas que lles preocupan, como a contaminación, os plásticos ou o abandono animal. Para rematar, logo dunha volta pola sala, as amigas de Gestión cultural _ taller abierto, responsables da activade, convidaron á cativada a achegar as súas propostas para ambientar o Salón e construíron unhas maquetas impresionantes. Se é que os nenos e nenas teñen moito que dicir, só hai que escoitalos/as .
Esta tarde coñecemos a Xan, que fixo unha casa na que había millo, que rillou un rato e que foi comido por un gato!
Foi unha das historias da sesión de contos para bebés de Pavís Pavós, “Entre contos e cantigas” nas que tamén cantamos e aprendemos usos e ditos da nosa tradición oral. Foi divertidísimo!
Poucas cousa hai más saborosas que un biscoito, pero se lle damos forma de “chupa-chups”pasa de saboroso a máxico. Iso fixemos hoxe no obradoiro de cociña “Superheroínas con mandil” de ReviraVolta. Demos forma de boliña á masa que levaba leite, queixo crema, galleta triturada e pingas de chocolate, chantámoslle un pau e bañamos con chocolate fundido. Mentres collía textura, lemos o conto das “Súper avoas con súper poderes”. É que as avoas son máxicas: cheas de amor, sabedoría, paciencia e receitas marabillosas
Xogos de mans, panos que se transforman ante os nosos ollos, naipes que se convirten en teas e ilusións ópticas de todo tipo encheron o espectáculo que a maga Fani trouxo ao Salón esta chuviosa tarde.
Foi unha sesión de auténtica maxia que enfeitizou ao público e contou con pequenas aprendices que, quen sabe, se cadra non tardando descubren os seus súper poderes de magas
Hoxe tivememos a visita dunha muller que fai maxia coa súa imaxinación e unhas tesoiras. Aida Alonso :: Ilustración foi a ilustradora do cartaz do Salón 2016 ‘Emerxencia literari: os libros salvan o planeta’ e esta tarde estivo axudando á cativada a crear bruxas de cartolina, cos seus respectivos gatos ou vasoiras voadoras. Volve cando queiras, Aída!
Hoxe no obradoiro do MUVI puxemos os lentes violetas para conmemorar este #8M, empregando videoxogos obra de desenvolvedoras ou cuxas protagonistas fosen mulleres. En parellas a rapazada foi deseñando a súa propia creación dixital. Para facelo usaron xogos de construcción e outros para dar cor como se dun oleo se tratase. O enxeño dos e das pequenas participantes no obradoiro quedou plasmado en lenzos dixitais e artísticos que os amigos do MUVI lles farán chegar ao remate do Salón. Unha chulada!
Se vos dicimos que imaxinedes unha bruxa, igual pensades nunha señora vella, fea, solitaria e enfurruñada, pero a realidade é outra moi diferente. Buscamos nos contos libros do Salón personaxes de bruxa e aprendemos xunto as nosas monitoras que: para ser unha boa bruxa podes… ser nova, vestir como queiras, ser amiga das túas amigas, traballar en equipo, compartir. E outro detalle moi importante e ser amante dos animais, por iso fixemos o noso propio, pregando papel e pintándoo de cores.
A música pode xurdir de case calquera cousa. Do noso propio corpo: as palmas das mans, os pés, as dedas… ou con instrumentos creados a partir de elementos cotiáns como os cepillos de dentes, un caldeiro ou a auga da billa. Todos estes “instrumentos” xunto a un xilófono e o marabilloso humor dos Odaiko encheron de fantasía, música e a maxia o auditorio do Pazo da Cultura. É ou non é unha maneira xenial de comezar esta segunda fin de semana do Salón?