O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Sábado 9 de marzo, pola mañá

Esta mañá da man da nosa amiga Itziar Ezquieta, seguimos explorando as cousas que non vemos. Aprendemos o que é a cianotipia e con esa técnica e usando filtros fixemos as nosas propias creacións. A luz, empregada de diferentes formas pode ser máxica.

Con Leucoíña Pasea tivemos unha misión moi especial, que foi a de atopar o alicorno que pertencia á pastequeira Vendoira e que o Mago Gadoupas lle roubou e o agachou no Salón. Tiveron que buscar pistas agochadas en lugares da sala e o recinto feiral, ata dar co corno de unicornio. Pasámolo xenial!

Un dos días que máis nos prestan do Salón é o da homenaxe. E máis se son as escolas as que reciben o recoñecemento. E hoxe foi o día, o da homenaxe ás escolas que nestes 25 anos colaboraron co Salón do Libro.
Foi un acto ben divertido e emotivo, con Andrea Bayer a Xacobe Rodríguez guiando a función. Contamos co acompañamento musical de Shi Quartet e do Coro Luis García Limeses e subiron a falar da súa experiencia no Salón a escritora Fina Casalderrei, Roberto Rivas da AS-PG, a mestra Mili Paz e os monitores do Salón Uxía Couto, Noela Hermida e Diego Bará. Fixemos un percorrido polos 25 anos do proxecto e pola aportación inestimable das escolas, profesorado e rapazada. Vinte e cinco anos de maxia do Salón, veñan máis 25!

Compartir esta entrada