Os bexatos foron algúns dos animais que pasaron pola sesión de contos e cantigas para bebés desta tarde “Animais EnCantados” nos que cantamos, danzamos e escoitamos contiños na fermosa voz de Sonsoles Penadique e Carla Cecilia Riquelme. Foi moi divertido.
Tamén nos visitaron as amigas da Escola de Música Gaia. Que ben o pasamos entre contos, música, teatro e cantigas, como a da vaca leiteira, a boneca vestida de azul ou unha versión chulísima de ‘Tu gitana’ de Luar na lubre.
Se as madalenas están boas, imaxinades unha madalena con sorpresa? Iso foi o que cociñamos hoxe con ReviraVolta, mesturando ovos, leite, cacao, fariña e poñendo dentro da masa ovos de dragón ou bombóns de chocolate. Tocou usar o forno e mentres agardamos que medraran, lemos o conto de ‘Melric, o mago que perdeu a maxia’. Porque con contos e doces, o tempo vai máis rápido.
O ano pasado no Salón puidemos ver as aventuras de Little Neno cos Beatles e tanto nos prestou que decidimos seguir explorando ese universo musical tamén coas cancións dos Rolling Stones. Little Neno e o seu oso Renato acordan nunha cidade de cor rubí. Alí coñecen a Mick, un mozo que quere pintar todo de negro e aí comezaron as aventuras… moito bailamos e moi ben o pasamos a ritmo de rock!
Hoxe tivemos un fin de festa alucinante. Viaxamos con Pedro Volta ao pasado e ao futuro, fomos a París a ver un concerto dos AC/DC e tomamos un batido de chocolate con Brad Pitt. Vivimos experiencias sensoriais emocionantes e incribles e, sobre todo, quedounos ben claro que a maxia existe. Unha tarde de ilusionismo ilusionante que rematou coa sinatura de libros do mago pontevedrés: “O Pazo Máxico”, editado por Edicións Baia.