Esta mañá xogamos a transformar a realidade e os obxectos a partir dos contos. Fixémolo no obradoiro a Hora do Conto dos nosos amigos de Pavís Pavós e o resultado, froito da imaxinación dos e das pequenas participantes, foi espectacular!
Usamos o conto “O día en que a mamá se lle puxo cara de teteira” e a partir del e da imaxe dun anaco de teteira xurdiron outros obxectos, animais e coloridas figuras… et voilá!
Gústanos moito darlle unha segunda (ou terceira) vida aos libros. Por iso é sempre unha satisfacción acoller a Troca de Libros que organiza o IES Torrente Ballester. O recinto feiral ateigouse de lectores e lectoras buscando libros especiais para levar á casa. Máis de 6.000 libros atoparon novos andeis para viviren novas aventuras. Longa vida á Troca!
Continuaron esta fin se semana as sesións de “Contas moito” con Gestión cultural _ taller abierto nas que, de cara á formación do Consello da Infancia da man do Concello de Pontevedra, están recollendo os temas que preocupan a rapazas e rapaces de entre 7 e 10 anos. O grupo amosou a súa opinión sobre ámbitos como a escola ou a cidade e fixo propostas para determinados espazos públicos como por exemplo, a explanada superior do recinto feiral. Que grandes ideas tiveron!
Hoxe visitounos o noso querido amigo Carballo con Botas coa súa ciclobiblioteca itinerante. Foi sementando e espallando contos pola Fraga de Esmelle, pola Trocalibros e demais recantos lectores do Salón. E pola tarde, máis! Achegádevos ao Salón!
Parástesvos algunha vez a imaxinar como sería un día calquera na vida de Carrapuchiña Vermella e a súa familia? A que non?
Pois iso fixemos esta mañá na sesión de contos para bebés de Ángeles Goas e Cristina Castro “Carapuchiña e os cinco lobiños”. Coñecemos o día a día desta espelida protagonista, axudámola a atopar o móbil da súa nai e as chaves da súa avoa entre moitas outras cousas. E fixémolo con música e cancións cuxa letra fomos construíndo entre todos e todas. Unha fermosura de sesión!