Din as nosas amigas de Reviravolta que calquera momento é bo para xogar a ser meigas ou bruxos e así conxurar feitizos que nos transformen en ras, paxaros, coellos ou obxectos. Para facelo é necesaria unha boa variña, iso seguro, e se é máxica e comestible… ñam!
Esta tarde puxémonos mans á obra para facelas: manteiga, fariña, ovos… amasamos e puxémolas no forno. Mentres agardabamos a que estivese lista a nosa merenda máxica escoitamos un conto e nun pis pas, variñas listas e a conxurar!
Tamén tivemos dobre sesión con Susana Peix, unha das nosas convidadas de Catalunya deste ano. Amosounos unha nova forma de contar contos, coas mans. Susana Peix é bibliotecaria, amais de escritora, e especialista en lectura accesible. Tedes na biblioteca do Salón, en galego e català, todos os volumes da colección LER, de lectura accesible, da editora Cumio. Moitas grazas, Susana, por todo o que nos deches e nos aprendiches nestes días!
“Palabra, palabra dame sete para esta semana” dicían Iria e Davide de Baobab Teatro ao comezo de “Palabras”, o espectáculo de contos e música co que comezamos as actividades desta tarde no Salón. Fixémoslle caso e apañamos un saquiño delas para levarmos canda nós: papá, mamá, música…
Palabras que nos saen da boca, das mans e do corazón e que xunto ás cantigas que puidemos escoitar no espectáculo fixeron que pasaramos un momento xenial! Foi tenro e precioso!
Pero que talento e que voces ten a cativada do RockLab e que capacidade de convocatoria! Como grandes estrelas presentaron no concerto desta tarde as súas composicións, realizadas durante o curso e inspiradas en diferentes lendas galegas, seres mitolóxicos e outras criaturas máxicas. Pero o máxico de verdade e velxs e escoitalos enriba do escenario.
Sabedes que significa paüra? É medo ou pavor en catalán. E diso xusto falaba o espectáculo de teatro, clown e música ao vivo do que puidemos gozar esta tarde. De enfrontar eses medos universais que temos desde nenos/as, miralos á cara desde o humor, que é o mellor antídoto para todo. Foi un espectáculo incrible, quedamos coa boca aberta!













