O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Luns 11 de marzo

Hoxe no Salón tivemos visitas do máis variado, chegadas de Redondela, Porriño ou Vilanova de Arousa, de educación infantil e primaria pero tamén de ciclos de Formación Profesional, alumnado de secundaria de clubes de lectura, usuarios do centro Amencer – Aspace e tamén do cole Calasancio, que non colaborou con traballo este ano, pero non quixo perder a oportunidade de percorrer o Salón co noso fantástico monitorado. É que no Salón, todo o mundo é benvido! Iso sí, escribindo con antelación que hai semanas que xa non temos ningún oco libre.

Esta mañá tivo lugar un dos momentos máis agardados pola rapazada, o encontro dos clubs de lectura de Pontevedra. Este ano tivemos de clubs convidados aos do IES de Poio e ao CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, e tamén se incorporou por primeira vez o IES Valle Inclán. Tivemos a sorte de escoitar a poesía e a música do escritor Lois Pérez, que guiou o encontro no que tamén participaron os IES Xunqueira I e Xunqueira II, o IES Sánchez Cantón, o IES Torrente Ballester e o IES Luís Seoane. Coñecemos de vagar os seus profectos lectores e as súas preferencias de libros, apañamos unha chea de recomendacións e gañamos tamén un feixe de libros no noso habitual concurso lector. Longa vida aos clubs de lectura! E logo hai quen di que a mocidade non le…

E pola tarde…

Pasamos a tarde entre contos, música e ilustración para coñecer a historia do tambolireiro do Bruc da man de Antón Ke e Tania Solla illustration. Isidret, o timbaler do Bruc é un rapaz ao que non lle gusta a guerra, usa a música e o son do seu tamboril para frear a invasión francesa no seu pobo.

Nesta fermosa e lúdica sesión de contos coa música moi presente, a rapazada comprendeu que a violencia non é un bo xeito de solucionar os conflitos, e que a natureza, como a música, poden ser ferramentas moito máis poderosas.

A nosa creatividade non ten límites! Préstanos tanto ler que ata nos puxemos a inventar contos coas cartas dixit. Por se non as coñecedes, serven para crear historias de maneira colectiva. Foi súper divertido e ademais quedaron uns contos ben xeitosos… Quen sabe se para o Salón do ano próximo non os temos xa editados e expostos na biblioteca ou na Cova dos Libros Fantásticos!

Compartir esta entrada