Contos do bosque

Castiñeiros, carballos, sobreiras, vidueiros, salgueiros, teixos, etc. «Os etcétera son os eucaliptos que hai por ahí», bromeou Brais Moure. Co nomeamento de ducias de especies de árbores autóctonas, no que participou tamén a cativada e as súas familias, comezou o contacontos de Brais Moure, un rapaz que de mozo pasou moitas horas no Salón e que agora é un dos nosos colaboradores máis queridos.

Diante dun público que non lle quitaba ollo, Brais contou historias fantásticas relacionadas coa ecoloxía, cos nosos ríos e cos nosos montes. Mesmo confesou que el nacera nun bosque, aínda que deixou a vontade dos asistentes pensar se é certo ou foi outro conto.