Obradoiros que fomentan a lectura

Un dos piares sobre os que se basea o programa do Congreso Internacional de Mediación Lectora céntrase nos obradoiros. Unha especie de clase mestra onde creadores, mestres e estudantes intercambian impresións e coñecementos en busca de ferramentas para facer que a cativada colla un libro por pracer e non por obragación.

Neste primeiro día de seminarios, no Salón tivemos o pracer de contar con cinco profesionais de diferentes ramas da literatura como a ilustración, o teatro, a novela ou a música. O ilustrador brasileiro André Neves tratou de explicar ao seu alumnado como contar unha historia a través de imaxes. O seu compatriota Volnei Canónica deu algúns consellos para xerar un clima que favoreza a lectura, porque non depende só da simpatía do profesor ou da educación da familia, para fomentar a lectura todo o sistema educativo debe navegar co mesmo rumbo.

O teatro é outra das ramas artísticas que se estudan na etapa escolar e a sesión de Rosalía Fernández consistiu en presentar un fragmento dunha obra de teatro e pedirlle aos asistentes que a dividan en cinco fragmentos, que logo eles mesmos representarían. Un exercicio que ben poderían adoptar para as súas clases de educación Primaria ou Infantil. Da música encargouse a compañía Vella Escola para explicarlle aos asistentes a estructura e o ritmo do estilo urbano galego.

Susana Aliano abordou un tema menos atractivo pero que é necesario tratar nas escolas. O acoso escolar ou de xénero. Para facer fronte a este mal, a escritora arxentina suxire empregar novelas que traten esta temática, para que o lector quede impresionado e o faga reflexionar. Por iso pide aos mediadores que non rexeiten estes temas e, aínda que sexan duros, os recomenden.