O Salón bota a andar cun gran sorriso

 

 

O XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil bota a andar cun gran sorriso. Os sorrisos, as gargalladas, as brincadeiras… estarán presentes até o seu remate. Nesta ocasión está adicado ao HUMOR e ten a ITALIA de país convidado. A concelleira de Cultura, Carme Fouces actuou de anfitrioa e lembrou os máis de 20 anos de ilusión, traballo e paixón pola lectura que hai detrás do Salón para, de seguido, subliñar que “encaramos esta edición 20+1 con optimismo e enerxía, con moito amor e, sobre todo, moito humor”.

A elección de Italia achéganos a unha LIX con figuras como Gianni Rodari, o revolucionario que nos fixo gozar da gramática da fantasía; Italo Calvino e as súas cidades invisibles; Carlo Collodi e o seu Pinocho; a Adela Turín, pioneira do feminismo nos libros para crianzas; Lela Mari, Bruno Munari… E ao pedagogo, inspirador e prescritor do noso modelo urbano: FrancescoTonucci, quen compartiu connosco, a modo de limiar, as súas reflexións sobre a infancia e a cidade.

Un espectáculo dirixido por Marcelo Dobode, presentado por Soledad Felloza e Nené Barros e no que actuaron a Xingro´s Band, o Coro da Xunqueira I e Manuel Albariño levantou o pano do Salón diante dun público engaiolado e participativo, cheo de crianzas. Non faltou a música, o conto, as acrobacias, a diversión, os agasallos… Nin a palabra dos autores homenaxeados: HELENA VILLAR JANEIRO (escritora), en vivo, e KIKO DA SILVA (ilustrador) a través dunha carta entregada ao seu “fillo”: a mascota do Salón… ORBIL.

E foi Orbil quen, cos brazos abertos e moi, moi emocionado, abriu as portas do Salón á cativada… con amor e humor. Por diante máis de dúas semanas de contacontos, obradoiros, música, xogos, encontros lectores, roteiros… e libros. Arredor de 3.000 publicacións están a dispor das nenas e nenos nos numerosos recunchos de lectura do Salón. Benvid@s!