O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Centros de ensino

Como xa vos anunciamos, as datas da XXIII Edición do Salón, do 11 ao 27 de marzo de 2022. 

A temática escollida será A ARTE (CON MOITA ARTE!) que é un tema que sempre estivo aí na recámara, de finalista e que sabemos que era un dos vosos preferidos.  A arte é un tema moi amplo, que dá pé para tocar moitos aspectos, nós traballaremos especialmente as artes plásticas (sen perder de vista artes visuais como a fotografía, o cinema a banda Deseñada… ou a danza, a música). 

Traballaremos a arte como a capacidade humana de recrear a realidade (ou inventar unha realidade propia) a través de recursos plásticos, sonoros, visuais, corporais… A arte como capacidade de expresar ideas e sentimentos, de interpretar a realidade e provocar sensacións e emocións: a creatividade como motor do mundo. Tedes a bibliografía remitida por Gálix nesta mesma páxina web,

Por suposto, como a arte plástica máis próxima á literatura infantil e xuvenil é a ilustración, os libros ilustrados e a banda deseñada terán un espazo moi importante neste Salón. Como LIX convidada este ano teremos á de Euskadi: autor@s, ilustrador@s, cultura, lingua, gastronomía… Teremos unha estreita colaboración coas Escolas Unesco de Euskadi e con Galtazgorri, a sección vasca da OEPLI. Pensamos que o Salón é unha maneira de tender pontes coas nosas culturas veciñas.

Gustaríanos, como sempre, contar coa vosa colaboración. O ano pasado fixemos un grande esforzo para seguir adiante co Salón, con moitas dificultades provocadas pola pandemia. Sen baixar a garda na precaución, este ano agardamos retomar a esencia do Salón, que sodes vós, as escolas, os vosos traballos e as vosas visitas. Iremos vendo a evolución da situación sanitaria, pero gustaríanos tervos de novo no Pazo da Cultura. 

A nosa intención e que se a situación o permite, recuperemos a presencialidade e veñades ás nosas instalacións. Achegándose o momento e de non ser posible, plantexaríamos outras alternativas.

Precisamos que mediante o formulario que vos achegamos  manifestedes o voso interese de participación antes do 22 de DECEMBRO e nolo acheguedes ao email: comunicacion@salondolibro.gal

 Quedamos á vosa disposición para calquera proposta ou suxestión que nos queirades facer. O Salón facémolo entre tod@s!