O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Libros para salvar o planeta:
UN SALÓN EN TEMPOS DE PANDEMIA

Como sabedes, o Salón do Libro é un dos proxectos emblemáticos e principais do Concello de Pontevedra, e queremos que o siga sendo tamén no vindeiro ano, reinventado e adaptado á realidade que nos toca vivir.

Así pois, vento nas velas, decidimos seguir adiante, repensar e reinventar un Salón en tempos de pandemia e temos o pracer de anunciar que entre o 23 de abril ao 9 de maio 2021, terá lugar a XXII edición que terá o medio ambiente, a ecoloxía e o cambio climático como tema principal:

EMERXENCIA LITERARIA: OS LIBROS SALVAN O PLANETA.

Dadas as restricións de mobilidade que sen dúbida teremos, decidimos non ter un único país convidado, senón ter o PLANETA ENTEIRO Colaboraremos virtualmente coa Rede de Escolas Asociadas da UNESCO de todo o mundo, buscando crear sinerxias arredor dun tema común, a necesidade de salvar o noso planeta.

Como autor@s homenaxeados recuperamos a Helena Villar Janeiro como escritora e a Kiko Dasilva como ilustrador, xa que no ano pasado non puidemos honralos como tocaba.

Exploraremos unha modalidade de celebración que combinará o ámbito virtual co presencial, en función da situación do momento. Tamén queremos deslocalizar, en certa medida, as actividades do Pazo da Cultura, que seguirá sendo o “centro de operacións” pero para garantir a máxima seguridade buscaremos tamén espazos ao ar libre (Prazas da cidade, Illa das Esculturas…) nas que seguir ofrecendo contacontos, teatro, música, obradoiros, roteiros… e amosando, como cada ano que a cultura, tamén para as crianzas e as familias, non só necesaria, senón que tamén é segura.

Ante a crise… emerxencia literaria! Desde o Salón temos o profundo convencemento de que cos libros podemos cambiar o mundo!