CON MOITA ARTE! 

somos creativ@s

Como sabedes, o Salón do Libro é un dos proxectos emblemáticos e principais do Concello de Pontevedra, e queremos que o siga sendo tamén no vindeiro ano, reinventado e adaptado á realidade que nos toca vivir.

Así pois, vento nas velas, a XXIII edición do Salón será do 11 ao 27 de marzo de 2021, e terá a arte e a creatividade como eixo fundamental, baixo o lema:

CON MOITA ARTE!

  A ARTE (CON MOITA ARTE!) é un tema que sempre estivo na recámara, un dos preferidos de familias e profesorado.  A arte é un tema moi amplo, que dá pé para tocar moitos aspectos, nós poremos o foco  especialmente as artes plásticas (sen perder de vista artes visuais como a fotografía, o cinema a banda deseñada… ou a danza, a música). 

Enfocamos a arte como a capacidade humana de recrear a realidade (ou inventar unha realidade propia) a través de recursos plásticos, sonoros, visuais, corporais… A arte como capacidade de expresar ideas e sentimentos, de interpretar a realidade e provocar sensacións e emocións: a creatividade como motor do mundo.

Por suposto, como a arte plástica máis próxima á literatura infantil e xuvenil é a ilustración, os libros ilustrados e a banda deseñada terán un espazo moi importante neste Salón. Como país convidado este ano teremos á de Euskadi. Será unha oportunidade magnífica para coñecer a LIX de Euskadi, autor@s, ilustrador@s, cultura, lingua, gastronomía… Teremos unha estreita colaboración coas Escolas Unesco de Euskadi e con Galtazgorri, a sección vasca da OEPLI. Pensamos que o Salón é unha maneira de tender pontes coas nosas culturas veciñas.

En breve diremos autor@s homenaxeados, tanto no ámbito do texto como da ilustración. Estamos a traballar xa na programación, se queredes facernos algunha achega, será moi benvida no correo-e: salondolibro@pontevedra.gal

Moita arte e moito Salón!

X
X