Os osos panda visitan o Salón

Era o prato máis forte do día e a estrea de Mai Mai, unha obra de teatro producida por Baobab non defraudou. Case non quedaron butacas baleiras no auditorio do Pazo da Cultura e iso que a historia da obra non era para escachar coa risa, máis ben todo o contrario. Aínda que de maneira amena, didáctica e cun punto de vista positivo, o contido da función trataba sobre o perigo de extinción no que se atopa a especie de osos máis bonita do planeta, os osos panda. Así un xornalista e unha fotógrafa, os protagonistas da obra, embárcanse nunha aventura chea de sorpresas e emocións na busca do último panda. O dramático da situación provocou a caída dalgunha que outra bágoa entre o público, que pasou boa parte da obra cun nó na gorxa. Mais ao final sempre queda oco para a esperanza.

Pero se alguén seguía melancólico tralo remate da función, a presenza dun panda no vestíbulo do pazo converteu toda a pena en ledicia, con todas as crianzas rodeando ao oso para acaricialo e facerse unha foto con el.