Volvede pronto, esperámosvos

Hoxe rematou a rolda de visitas ao Salón do alumnado de Educación Primaria dos colexios da contorna coa chegada de nenas e nenos da Xunqueira I e II, Seis do Nadal, Carballal e Vilaverde. Como cada día, preparamos contacontos para a cativada, mentres que os de cuarto e sexto participaron en variados obradoiros.

As nosas contadoras Raquel Queizás e Tareixa Alonso narraron divertidas historias facendo fincapé na importancia da igualdade entre homes e mulleres. E nos obradoiros, a mocidade ilustrou o seu propio xogo de mesa con Anxo Fariña, pintaron cadros inspirados en verbas con Tamara Andrés, aprenderon os segredos da impresión 3D da man de Ceo Aberto e xogaron nun scape room con Tegra. Ademais, os nosos amigos de Polo correo do vento contaron a historia do paxaro Panchito, e ensináronlle aos participantes a debuxar a este simpático papagaio.

A partir do luns comeza a quenda do alumnado de colexios de Educación Infantil, para os que tamén temos preparadas moitísimas sorpresas.