Feliz Día do Libro Infantil e Xuvenil!

Hoxe, desde casa, celebramos o 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Aínda de que tiñamos prevista a clausura desta XXI edición hai ben tempo, seguimos día a día programando, xerando novos contidos, tentando manter as actividades dos artistas e creador@s que formaban parte do noso programa, nun novo formato, de salón a Salón, igual non tecnicamente perfecto pero feito con todo o cariño e a ilusión. Puxemos ao noso monitorado a matinar e sacaron do seu maxín cousas marabillosas. A caloriña do público chéganos en forma de likes, visitas, comentarios, cartas, de sorrisos virtuais que nos acompañan e que nos dan azos para seguirmos traballando. Ata podermos gozar do ar da primavera nas rúas, aquí seguiremos con vós, día a día, poñendo cores, palabras, xogos e voces ás casas infinitas que ao tempo que nos afastan, tamén nos unen. Ata ese momento, o Salón Virtual é a nosa, a tamén a vosa casa. Feliz día do Libro Infantil! Para festexalo como a ocasión o mercece, teremos unha programación moi especial durante todo o día. Hoxe, para nós, é festa!
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #DíadoLibroInfantileXuvenil