Non se nos ocorre mellor maneira de celebrar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que lendo os nosos libros preferidos. E iso foi o que fixemos hoxe cos nenos e nenas da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, coordinadas por Luisa Márquez. Xuntámonos nun encontro virtual desde o Concello de Pontevedra co Col-legi el Roser (Cataluña), a EP Carlos Manuel de Céspedes (Cuba), o Liceo Técnico José Núñez de Cáceres (R. Dominicana), a Zaklani Skola (República Checa), o Colegio Los Abetos (Madrid), a EP Fernando Cuesta Piloto (Cuba), o CPR Eduardo Pondal (Cangas), o Liceu Eiffel de Ondjiva (Angola), o EP Comandante Pinares (Cuba), o CEIP Francisco Giner de los Ríos (Mérida), o CEIP Froebel (Pontevedra) e Colegio San Gregorio de Aguilar de Campoo (Palencia).
A música tamén formou parte do encontro, da man e do acordeón de Noelia González López, profesora do CMUS Manuel Quiroga, que interpretou a cantiga de berce “A Noitiña”, composición de José Pérez. O Concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, compartiu coas escolas un anaco da obra “A lagoa das nenas mudas” de Fina Casalderrey. Se queredes saber cales son as obras preferidas dos nosos amigos e amigas da Rede de Escolas Asociadas á Unesco, podedes ver as achegas que nos fixeron no Salon TV, a canle de Youtube do Salón e tamén a través do espazo web: https://www.salondolibro.gal/escolas-unesco/
Feliz día do Libro Infantil e Xuvenil lectores e lectoras do mundo!





