Logos O SALON - Concello de Pontevedra

21 de marzo, abrimos o Salón do cine!

Que ganas había de Salón!

A chuvia non impediu que gozásemos dun momento que levabamos a agardar un ano enteiro. Démoslle a benvida á primavera e celebramos o Día da Poesía co espectáculo “Luces, cámaras, acción… que vén o Salón!”, dirixido por Manuel Albariñas, coa actuación de Noela Hermida, Gabriel Bravo e Ares Caínzos, tres “riders” que soñaban con ser artistas e facer o seu propio filme.

Co acompañamento musical da Xingro`s Big Band e o Coro do IES Xunqueira I, a danza de Mara Iglesias, un anaco de “Miserábeis”, o musical do IES Illa de Ons e o vestiario de ESDEMGA, coñecemos por fin a Marcelline Loup, a cineasta francesa, curmá de Orbil, que este ano vén de visita ao Salón.

Unha fantasía de danza, luces, música e interpretación para empezar a XXVI edición dun Salón que vai ser… de película!

Marcelline e Orbil abriron as portas para que todos puidésemos ver a ambientación da Sala e do Recinto. Tantas cousas por ver que non demos feito… (ata un barco pirata para rodarmos unha peli de aventuras).

Isto non fixo máis ca empezar!

Compartir esta entrada