No Salón temos unha chea de bibliotecas para ler e para levar libros en préstamo. Pero se queredes mercar libros para ter na casa ou para agasallar alguén, a libraría Seijas fixo unha magnífica selección de libros de cine, de autoría francesa e da mellor literatura infantil e xuvenil do país. Estarán con nós ao longo de toda a fin de semana.
Comezamos este primeiro sábado de Salón da man dos nosos amigos e amigas de Pavís Pavós. No seu gabinete de sombras aprendemos a facer cine con recursos moi utilizados no inicio do cinema. Escoitamos contos de sombras e a partir desa historia creamos a nosa propia con figuras e sombras que animamos.
Co cine como tema, non podiamos pasar sen facer a nosa propia peli. Para garantir o éxito, contamos con Producciones Mutantes e, empregando como escenarios os diferentes emprazamentos do Salón e o seu barco pirata xigante convertémonos en directoras, guionistas, produtores, etc. Ao longo de tres sesións elaboraremos a nosa peli colaborativa, con Orbil coma protagonista, por suposto.
Nesta primeira mañá de Salón tivemos tempo para a música. Nunha fusión galego – bretoa, gozamos cos ‘Contos… entre cordas’ de María da Pontaghra e Bleuen Le Friec e a súa arpa. Percorremos un mesmo camiño en busca dun lugar común entre as nosas dúas formas de expresión. Entre a palabra e a música ideamos a maneira de achegar a arpa e o seu repertorio a lugares onde non adoita escoitarse. Rimos, cantamos e gozamos con historias de tradición oral galega acompañada das cordas máxicas da arpa.
Os bebés serán futuros lectores e lectoras por iso, no Salón, sempre hai actividades dedicadas a eles e elas. Xunto a Marcelo e Bea (Percubebés) descubrimos o que é un lumecú ou vagalume, que tamén se chaman así (e por certo, están en perigo de extinción).
Foi en A historia de Lumecú, un espectáculo de contos, música e teatro de sombras cun destes simpáticos insectos luminosos coma protagonista. Houbo sesións ao longo de todo o día.











