Se había moita gana de Salón, máis gana había de cociñar de novo coas amigas de Reviravolta Lecer. Hoxe tocou unha receita francesa. E que hai máis francés ca un croissant??? Azucre, masa follada, un ovo e un pouco de chocolate para atopar ao morder. Ñam!
E mentres foron ao forno, tivemos tempo de ler un conto ben chulo: O cociñeiro Martiño, no que aprendemos o bonito e importante que é axudarnos e traballar xuntos, porque grazas ao pastor, a gandeira, o muñeiro, a panadeira e a veciña, Martiño conseguiu facer un biscoito e tamén, un caldiño para o rei.
Xunto a Ana e África, de Taller Abierto aprendemos moito sobre cine. Non podiamos imaxinar cantos planos distintos hai nun filme: xeral, americano, primeiro plano, subxetivo, plano figura… Explicáronolos todos e xuntas púxemonos mans á obra para debuxarmos os planos cos que facer a peli sobre unha noite no Salón do Libro. Pero non unha noite calquera: a noite que Orbil espertou e os andeis e os libros cos seus personaxes, cobraron vida…
Esta tarde gozamos tamén da música, nunca falta no Salón. Recibimos ao gran Paco Nogueiras que veu presentar o seu libro-disco “Son Animal”
Miañamos coma os gatos , bruamos coma as vacas e ladramos igualiño, pero igualiño igualiño que fan os cans Cada animal ten o seu propio son, e se o combinas coa música o resultado é perfecto. Escoitámolos todos en forma de canción.
Como sabedes, este ano O Salón dedicámolo ao cine e se falamos de cine sempre, sempre hai que lembrar a unha das súas grandes figuras: o inesquecible Charles Chaplin. Nuria Díaz , a ilustradora do cartel desta edición, acompañounos esta tarde para impartir un fantástico obradoiro sobre Charlot. Nuria sabe moitísimo de Chaplin, con razón ten varias obras e libros sobre el. Os nenos e nenas coñeceron a súa historia e porqué é un mito do cinema. Guiadxs por Nuria debuxaron ao inmortal Chaplin e non só iso: tamén o puideron animar facendo un boneco móbil.
Unha delicia de sesión de debuxo, libros e cine!
Coma é habitual, o Museo do Videoxogo MUVI está tamén no Salón. Hoxe programaron un interesante obradoiro sobre música e videoxogos, dúas disciplinas moi relacionadas e tamén vencelladas ao mundo do cine.
Coa presentación da nova xeira da revista “Criaturas” iniciamos o ciclo de Conversas VIP arredor dos libros e a lectura, espazos para o debate e a reflexión de mediación lectora. Daniel Landesa, Miguel Vázquez e Tensi Gesteira faláronnos da nova etapa da revista de crítica e divulgación de LIX, que tamén impulsou Mario Regueira. Podedes seguir os contidos no enderezo http://criaturas.agcritica.gal e se queredes colaborar nela, mel nas filloas!















