Como sabedes Francia é a nosa cultura convidada e un dos maiores referentes na LIX francesa é Jules Verne.
Por iso, hoxe decidimos comezar a xornada emprendendo a gran aventura imaxinada por el: A volta o mundo en 80 días. Fixémolo no obradoiro dos nosos amigos Sofía Venzel e Michel Casado, coñecemos os inventos imaxinados por Verne (un adiantado ao seu tempo) e viaxamos a través da creación artística compoñendo un cartel desta obra universal mediante a técnica do paste-up.
Unha marabilla!
Hoxe tivemos unha visita moi especial, a rapazada francesa de intercambio co IES Xunqueira II, que viñeron desde Doullens para coñecer Pontevedra. Amosámoslles todos os recantos do Salón e levaron unha escola de libros en galego para a súa biblioteca, e tamén libros de autores galegos traducidos ao francés. E como nos atopamos con Manuel Lourenzo, pedímoslle que nos fixese unha visita guiada da súa exposición: COUSAS DOS LIBROS. Pasárono de marabilla e marcharon súper felices de ter coñecido a Orbil.
Este domingo tivemos unha quedada dos Urban Sketchers @uskpontevedra. Foi grazas á nosa amiga Chus Rojo, quen nos dixo que eran ilustradores e ilustradoras que se xuntaban para debuxar distintos recantos da cidade: edificios, paisaxes, persoas… que mellor escenario que o Salón do cine para debuxar!
Que ben o pasou a cativada de 0-3 anos no pase matinal de ‘Mosca remosca’ con Charo Pita. Unha fantástica sesión para escoitar contos e cantar: Mosca remosca, coidado coa ra que saca a lingua e a volve sacar!! A mosca voa arriba, voa abaixo, á esquerda e dereita, adiante e atrás, por aquí e por alá. Coidado!! que te van papar!!!!
Contos, música e cinema. Hai unha mestura mellor? Da man de Leucoíña Pasea escoitamos contos de tradición oral como ‘O coello Federico’, que farto de comer leitugas e cenoiras vai de excursión ata atopar unha horta chea de cor… e de amorodos, nos que papa ata empachar. Tamén houbo tempo de gozar con fermosas versións de cancións de película. A ver se adiviñades de cal e esta: busca o máis vital, non máis! O que é nececesidade, non máis! E esqueceeeee a preocupaaaación….













