Manualidades, lecturas en grupo e unha nova lingua noutra quenda de obradoiros

Nova quenda de obradoiros para os visitantes que nos alegran a mañá. Hoxe veu rapazada dos colexios pontevedreses do Salvador Moreno, Xunqueira II e San Martiño; ademais do Cordo Boullosa de Ponte Caldelas. Antes de percorrer os recunchos do Salón, a rapazada de maior idade participou en divertidos obradoiros nos que fixeron de todo, desde aprender palabras en portugués ata a crear unha personaxe en dúas dimensións a base de papel.

Coa narradora brasileira Benita Prieto escoitaron contos en lingua portuguesa e, de paso, enriqueceron o seu vocabulario con verbas da lingua da nosa cultura convidada. Da escritora uruguaya Susana Aliano descubriron o libro O Segredo do Paraguas Vermello, que vai da importancia de conservar a curiosidade infantil cando se convertan en adultos. Mentres que co poeta luso Zetho Cunha leron unha historia en grupo e Margarida Botelho ensinoulles a dar forma a unha personaxe a base de papel e colorinchos.