A poesía máis travesa

Canto rimos esta mañá con “Po e Xía”, as dúas nenas máis travesas do cole. Pero son tan simpáticas que paga a pena perdoarlle todas as súas falcatruadas. Ao espectáculo de Lucía Aldao e María Lado, coa colaboración do Seminario Permanente de Jazz do Pontevedra que deron un toque especial á obra con música en directo, acudiu o alumnado dos colexios San José, Pontesampaio, Vidal Portela, Froébel, San Clemente, O Saiar e Méndez Núñez que encheron ata a bandeira o auditorio do Pazo da Cultura.

Moi ben o pasou a rapazada coas historias que contaron Po e máis Xia, entre canción e canción, relataban con moita graza as súas travesuras. Como cando botaron escuma nos retretes dos baños do cole ou cando pintaron caras divertidas e mensaxes de risa nas mazás do comedor. Unha mágoa que á directora do centro non lle gusten nada estas bromas e as pobres Po e Xía sempre acaban castigadas.

Para os que queiran botar unhas gargalladas con estas nenas tan falcatrueiras, poden pasar esta tarde ás 18.30 horas a unha nova sesión da función que servirá de complemento ideal á homenaxe ao noso benquerido autor Antonio García Teijeiro, para celebrar o Dia Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.