Infinitas grazas, mestre Teijeiro

Non hai mellor día para poñer en valor a figura de Jose Antonio García Teijeiro, o noso poeta homenaxeado deste ano, que o día Día Internacional do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Música, cancións, poemas, teatro, emocións… non faltou de nada nun acto onde amigos, compañeiros e seguidores do noso Teijeiro agradeceron o seu traballo en favor da literatura, da poesía e da lectura.
Comezou a gala coa música en directo dos integrantes do seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, para logo saír ao escenario Lucía Aldao e María Lado, que volveron a interpretar a súa comedia musical “Po e Xía”. Mais fixeron un alto no medio da función para os discursos. O primeiro foi o da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, quen dixo que “era de xustiza recoñecer a obra de Teijeiro e tamén a súa labor como mestre ou mediador poético”. A continuación, tomou a palabra Xavier Senín, outra das figuras destacadas da nosa literatura infantil e xuvenil. Amigo de Teijeiro, Senín repasou a vida de poeta facendo fincapé na súa capacidade de compaxinar a práctica deportiva (xogou no Teucro e no Academia Octavio) coa de lector, autor e mestre. “De camiño aos partidos el ía sempre cun libro, porque ler e facer deporte non é unha contradición”, dixo lembrando verbas do noso homenaxeado.
O socio número cero de Gálix (Asociación galega da literatura infantil e xuvenil), David Otero, reivindicou a necesidade de liberdade para formar persoas e poetas porque “á poesía nunca se lle pode quitar a liberdade, dicía sempre Antonio”.
Tras recibir o agarimo e as felicitacións, da man da autora Eva Mejuto e da mestra Raquel Mera,  de numerosos autores galegos e tamén de mestres e mestras que teñen en alta estima a obra de Teijeiro, chegou un dos momentos máis emotivos da tarde. Cando un grupo de nenos e nenas non só agradeceron o traballo do noso poeta, tamén leron algúns dos seus versos e provocaron que máis dalgún dos asistentes fose incapaz de conter as bágoas.
Finalmente, chegou a quenda de Teijeiro, que antes de recibir como agasallo unha ilustración de Marcos Viso, quixo agradecer todas as mostras de cariño que recibiu ao longo desta xornada. “Paréceme un soño isto que está pasando”, admitiu. E logo recomendou ler poesía ás nais, aos pais, aos mestres e as mestras e despediuse cunha mensaxe positiva porque “todos os que escribimos poesía queremos que estea presente no devir cotiá e nas escolas comezan a decatarse disto”, subliñou.
A tarde rematou coa última metade da obra teatral “Po e Xía” onde Aldao e Lado seguiron contando as falcatruadas destas dúas alumnas e como conseguiron que a biblioteca do seu cole acabase levando o seu nome.