Os obradoiros do Salón, mellores que os deberes son

Os contacontos enfeitizan, pero o alumnado dos últimos cursos de Primaria prefiren actividades máis movidas. Pois diso tamén temos no Salón. E senón que llo pregunten á rapazada de terceiro, cuarto, quinto e sexto de Primaria do Toural de Vilaboa, do Carballal de Marín e do Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro que participaron esta mañá nuns obradoiros moi entretidos.

Tegra montou un Scape Room do que as crianzas non poderían saír ata adiviñaren un acertixo. Son moi listos e abofé que resolveron a adiviñanza. Van Divulgación trouxo ao Salón a historia dos libros e a revolución da imprenta, para demostrarllela importancia deste invento crearon unha a pequena escala. Mentres uns escribían cunhas canas de pau, outros estampaban o seu nome no pé de páxina e un terceiro grupo insería as ilustracións e as letras capitulares. O ilustrador do Brasil, Roger Mello, ensinoulles a facer unha secuencia ilustrada propia da banda deseñada, mentres que a súa compatriota Benita Prieto ensinoulles divertidas verbas en portugués mentres lles contaba un conto.