O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Chegan as primeiras visitas escolares, luns 4 de marzo

Por fin chegou o agardado día: chegaron as escolas!! Que gana tiñamos todas- pero sobre todo Orbil – de ter con nós ás protagonistas e homenaxeadas desta edición. Non hai nada como comezar o día coa ledicia e as apertas da rapazada!

Comezamos as visitas escolares co alumnado do C.E.P Marcos da Portela que tivo a oportunidade de desenvolver a súa creatividade de man de artistas e ilustradores. Con Susana Suniaga mergullámonos no universo dun dos magos máis famosos da literatura universal “O mago de Oz” do autor norteamericano L. Frank Baum. Con Anxo Fariña Autor deseñamos criaturas máxicas, desas que medran nos libros e na nosa imaxinación. Quedaron uns traballos moi artísticos, moi vistosos e moi máxicos!

Tanta ledicia houbo coa chegada dos coles ao Salón, que ata conseguimos que para a segunda quenda do día aparecese o sol e Orbil puido saír a recibir á cativada dos CEIP Carballal (Marín) CEIP A Xunqueira 2 e o colexio San José

Contos e cantigas foron os protagonistas dos contacontos os cursos de infantil, que hoxe chegaron do Ceip Vilaverde-Mourente e o Colexio San José. Gozaron con títulos como os escollidos por Bea Campos ‘A que sabe a lúa’ ou ‘Quen hai?’ para aprender os nomes dos animais en galego. Con Migallas Teatro cantaron unha canción sobre a maxia dos libros: “Imaxínate! Voando nunha alfombra, cruzando o ancho mar . Imaxínate cun can saltando a corda. Imaxínate nunha nave espacial ” e descubriron a importancia do xogo e a lectura en lugar do uso de pantallas. A convidada catalá Sherezade Bardají – que fala galego grazas a ter vivido 3 anos en Santiago – fixo as delicias da cativada mesturando as dúas linguas e contado historias da súa veciña lambona, Serafina, que papaba todo canto había. Grazas a ela agora saben rematar un conto en catalán: “un fos i un gat, i aquest conte s´ha acabat” ou “conte contat, conte acabat”.

Compartir esta entrada