O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Domingo 3 de marzo pola tarde

Esta tarde merendamos unhas galletas boísimas. Fixémolas coa axuda das amigas de ReviraVolta e quedaron fantásticas! Preparamos “teules” que son un tipo de galleta fina e crocante típica de Cataluña.

Logo de amasar, dárlles forma e poñelas no forno decoramos unhas caixiñas moi chulas para gardar as que nos sobrasen, creatividade ao poder!

Ademais de cociñar escoitamos un conto, claro, nesta ocasión “O zapateiro e os trasnos”. Foi unha sesión ben larpeira e aproveitada!

Tamén recibimos á ilustradora do cartaz, Andrea Fernández de La Platanera, para facer un obradoiro. Repetimos estampando formas con pintura pero amais de crear personaxes, fixemos tamén o bosque máxico no que atopalos. Tamén empregamos esponxas, lápices e outras técnicas para rematar os nosos debuxos e darlle diferentes texturas. Que boa tarde pasamos!

Como sabedes, este ano o país convidado do Salón é Cataluña. Esta tarde tivemos a sorte de ter con nós a Sherezade Bardají que desde Barna veunos contar (en galego!) fermosas historias. Na súa sesión, na que o público miúdo participou moitísimo, aprendemos tamén cantigas en catalán. Foi unha marabilla!

Aínda estamos cos ollos como pratos logo do vivido na Gran Gala de Maxia. E que co elenco de magos e magas que xuntou o mago Paco, normal que o patio de butacas estivera cheo ata os topes! Polo escenario do Pazo pasaron Joshua Kennet, Lore Lavand, o Mago Rafa, Dani Polo e o propio Mago Paco que por se fose pouco coa maxia, repartiu flocos de millo.

Tamén pasaron polo escenario unha morea de voluntarixs adultxs e nenxs que, en primeira liña descubriron, que a maxia non ten trampa nin cartón. E menos mal que non había cartón porque rematamos a función con lume e faíscas!!

Esta forma de facer maxia chámase “grandes ilusións”. E grande foi a nosa ilusión de compartir con vós unha fin de semana tan fermosa de libros e maxia!

E así pasamos o domingo no Salón!

A nosa primeira fin de semana non puido ser máis máxica, tivemos de todo: reencontros emocionados con Orbil, sesións de contos das nosas amigas catalás Alicia Molina e Sherezade Bardají; espectáculos, música, obradoiros e como non, lemos mooooitos libros!

Compartir esta entrada