Comezamos esta primeira tarde de domingo no Salón escoitando o conto de Cabaliño Hop nunha sesión de Soledad Felloza para bebés. Para facelo tivemos que preparar o corpo para a maxia : espertamos as mans, o nariz, o cuíño, os pés. Estamos listos! Pois imos aló!
Había unha vez….
Un cabaliño que se chamaba Valentín. Tín- tín! que tiña as crinas azuis (porque a Valentín Tín tín pintarao un artista que pintaba os animais de moitas cores: Vacas amarelas, leóns verdes, elefantes laranxas, o burro de moitas cores e os cabaliños azuis!).
Valentín vivía nun carrusel. Xiraba polas mañás, xiraba polas tardes. Pero soñaba con ver mundo ata que a lúa graaaande lle concedeu un desexo….
Tamén tivemos tempo para a creación artística, pero ao grande, grande.
Se cadra entre a cativada que nos visitou este ano temos algún Davinci en potencia ou, quizais, unha Frida Calo futura… Quen sabe! Sexa como sexa, no Salón estamos ben certas de que a creatividade non ten límites! Puidémolo comprobar coas creacións escultóricas da cativada artista que pasou pola “Factoría de creación”, das amigas da Asociación Paspallás. Unha marabilla de obras!
No espazo gastroliterario hoxe tocou facer unha receita típica de Bilbao, os macarróns. Non, non son os que se comen con tomate, son unha sobremesa riquísima feita con fariña de améndoa, clara de ovo, azucre e canela. Non imaxinades o recendo que había no Recinto Feiral despois das dúas quendas de “A arte de cociñar”. Que sorte temos de ter a Lorena e Sandra (Reviravolta) que nos achegan receitas tan deliciosas!
E na sesión de contos aprendemos o que significa en euskera a palabra ipuin. Pois significa conto en vasco! A que é moi chula a palabra? A nós encántanos!
É unha das moitas cousas que soubemos en “Lamiak, trasnos e historias baskas” a sesión que a contadora vasca María Zárate e o galego Marcos Dios, nos ofreceron ao longo desta fin de semana. Lamiak é unha creación única e especial para o Salón deste ano que une dúas tradicións orais singulares: a nosa e a vasca, a nosa cultura convidada este ano.
Por outra parte, entre as moitas cousas máxicas que suceden no Salón, está a de dar feito cousas que pensabamos imposibles: escribir unha poesía, inventar un conto, ilustrar un libro!! Pois iso pasou esta tarde no obradoiro “Pintaletras” da man de Cris Corral e Leandro Lamas. Repasamos as letras co poemario infantil ilustrado ‘No faiado’, coñecemos ao rato Ramón e boneca Marta – aos que logo debuxamos – e escribimos un poema sobre eles: o oso Ramón e a boneca Marta, comen tarta…. NO SALÓN!!
E para finalizar, rematamos o día co espectáculo do gran Marcel Gross.
Unha vasoira equilibrista, un abellón paracaidista ou un extraterrestre son algunhas das personaxes que viven no bosque de “Encuentracuentos”, o marabilloso espectáculo que trouxo ao Salón. A peza é unha sorprendente combinación de fantasía, imaxinación e humor que fixo que a cativada non parase de rir! Grazas a Marcel despedimos esta primeira fin de semana do Salón cun gran sorriso.