O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Domingo 20 – xornada de tarde

Sabedes o que é a cianotipia? Nós ata hoxe tampouco! Da man de Andrea de La Platanera descubrimos esta técnica fotográfica do século XIX que emprega a luz solar para o seu revelado. Como o soliño hoxe estaba pouco intenso para elaborar as nosa postais máxicas con elementos da natureza, tivemos a axuda da isoladora. Un obradoiro moi creativo

Esta tarde pasámolo xenial con Lydia Botana (proxecto Bolboreta) no seu concerto para bebés. Cantamos, bailamos, tocamos instrumentos e aprendemos unha feixiño de cancións preciosas. 

A música é un regalo para os sentidos e vivir rodeadxs dela (independentemente da nosa idade) é marabilloso. Favorece a creatividade e dá ás á imaxinación. É xenial empezar a gozar desta arte desde ben pequenxs, non vos parece? 

Hoxe comezou a primavera e celebramos a súa chegada, como non podía ser doutro xeito, con contos. Uxío e Branca Novoneyra compartiron con nós as historias do seu pai, Uxío Novoneyra, o poeta do Caurel. O contacontos Ignacio Vilariño e o ilustrador Miguel Robledo tamén participaron nesta achega a “Os contos de Roxín Roxal”, con historias coma “O cubil do Xabarín”, “Gorgorín e Cabezón”, “Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín” ou “A cabana de Sancor”, entre outros.

Nos fogóns do Salón (o noso súper divertido obradoiro de cociña) tocou preparar unha sobremesa riquísima. Fixemos unha nova achega á gastronomía de Euskal Herria: as “pantxinetas”. Que non as coñecedes? Pois son deliciosas: levan masa follada, crema e améndoas. Esta receita ten máis de cen anos, xa que foi creada en 1915 na pastelería Otaegui de Donostia-San Sebastián. Nós démoslle o noso xeito e quedáronnos espectaculares! Non notastes o recendo que saía do Pazo de Cultura?

Quen dixo que escribir non podía ser divertido? O noso amigo El Hematocrítico sabe ben o que é o humor e como usalo para proxectos creativos. Escachades coa risa se vedes as cubertas de libros que deseñamos esta tarde e os menús apestosos que elaboramos! Foi xenial!

Avanzada a tarde fixemos outro obradoiro, desta vez de estampaxe. Coas súas técnicas e as da serigrafía “imprimimos”, coa axuda de o saber de Andrea de La Platanera, uns deseños con forma de froita, exactamente de peras. Logo puidemos decorar cada unha ao noso gusto 

Que importante é deixar voar a imaxinación, verdade?

Para rematar a xornada fomos de concerto con Mamá Cabra, que encheu de melodías e bo ambiente a tarde deste domingo! 

E senón, que nos dicides de retrousos coma este?

Compartir é pan comido é requetedivertido.
Compartindo xa verás, gozarás moito máis!

Escoitámolo no seu espectáculo musical “Paxaro amigo. Músicas para a paz”, baseado no libro de MamaCabra “A bruxa Discordia”, co que nos convidaron a ir na procura dun paxaro moi especial, raro, difícil de ver. En extinción. Un paxaro amigo! Bailamos, cantamos e pasámolo xeniaaaaal!!

Foi un domingo moi completiño no Salón e tamén tremendamente inspirador.

Compartir esta entrada