O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Domingo 30 de abril, pola mañá

Tivemos un domingo ben animado! Entre otras cousas porque estivemos cos nosos amigos de Curiosaurios un obradoiro de animación en stop motion co que fixemos uns personaxes moi “cuquis” con material reciclado que logo serán os protagonistas do noso filme de animación. Vaia marabilla!

Xa hai ben tempo que queriamos convidar a Banda dos Cueiros ao Salón e hoxe chegou o día! Cantamos e bailamos ao ritmo dos peixiños do mar, coñecemos o nome dos dedos todos e bicámonos cun bico porque si e con outro bico porque non. Como nos gusta esa canción!

Houbo quen hoxe escoitou no Salón o seu primeiro conto. Con Atenea Xarope Tulú e os ‘Bichocas’, viaxamos cos obxectos e a palabra a través do mundo animal. Aprendemos a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os noso afectos. 

Esta mañá percorremos Pontevedra xunto a Manuel Lourenzo González, o escritor homenaxeado no Salón, nun roteiro literario que nos descubríu as Pontevedras posibles. Da súa man e empregando como fío condutor a súa obra “Cegoñas no fondo da ría”📖, visitamos a praza da Peregrina, a Ferraría, a da Leña, Mendez Núñez ou a rúa do Barón. Nestes lugares, segundo relata Manuel, sucederon cousas fantásticas e descoñecidas pero absolutamente verídicas. Un alquimista desorientado que podemos atopar perfectamente na Feira Franca, unha científica aventureira e esquecida á que chegou a homenaxear Rosalía de Castro; a verdadeira orixe do papagaio Ravachol, a incrible historia da xacia Dosinda quen chegou ao Vaticano, o gaiteiro Ubaldo e a súa capacidade para aloumiñar coa súa música ás sereas en Lourizán, ou a posibilidade real de que a película Casa Blanca se rodase no Café Moderno… historias das Pontevedras posibles que podemos imaxinar, ler e gozar nos libros. Moitas grazas, Manuel. Foi xenial! 

Compartir esta entrada