Aínda estamos chupando os dedos da masa tan boa que fixemos para fornear as galletas de cacao. Boísimas!! Pero non vos pensedes que a cousa é tan sinxela, o que pasa que a cativada é ben espabilada e sabe medir e calcular as cantidades de azucre, fariña… E como tiñamos moita presa por comelas, as amigas de ReviraVolta leron un conto mentres agardamos que saíran do forno: ‘como esconderlle un león á avoa’. Historias e petiscos deliciosos no Salón.
Ser diferente non ten nada de malo, ben ao contrario! Asi nolo contou e nolo cantou Silvia Penide nun concerto ben animado no que puidemos coñecer personaxes tan singulares e tan riquiños coma unha cebra sen raias, un gato con dous narices, unha tartaruga sen cuncha e un libro sen cuberta. Un espectáculo signado co que gozamos e bailamos unha chea (para iso é o Día da Danza!) E tamén puidemos ter o noso libro “Diferentes diferenzas” coa sinatura da súa autora!
Imaxinades que somos quen de mudar o mundo, así, nun plisplás? Pois nesas andiveron os nosos amigos Néstor Blanco, Manu Albariñas e Mara Iglesias co espectáculo “Imos cambiar o mundo: Danzando coas palabras”, baseado no libro “Lingua guapa” da nosa queridísima Fina Casalderrey, que ao final da sesión nos dedicou o seu tempo para asinar os libros na delegación móbil de Librería Seijas que temos esta fin de semana no Salón.
Pasamos unha tarde chea de primeiras veces da man de Arkhé Espacio Educativo: deseñaron un espazo xenial, cargado de contrastes, de luces, texturas e obxectos escollidos un a un para sorprender á cativada de 0 a 3 anos. Cantos descubrimentos!