O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Domingo 7, pola mañá

trísquilis tiña,
o que non come
non ten barriguiña.

Tísquilis tras
tísquilis trola
o que non come non ten
barrigola🎶

Esta é unha das cantigas que aprendemos esta mañá da man e o bo facer de @migallasteatro Trouxeron ao Salón o seu espectáculo “Petiscos de lingua”, unha divertida montaxe que mistura o teatro coa música e os xogos, para gozarmos en familia. Dun xeito moi ameno poidemos coñecer unha escolma de ditos tradicionais pertencentes á cultura popular, dirixidos especialmente a bebés. Petiscos de lingua son tamén petiscos de tradición oral e diversión garantida!

A maxia está chea de xogos e os xogos de mans son imprescindibles para esta arte. A que si?

Hoxe comprobámolo no divertido espectáculo dos amigos de @magiaenlamanga co que fixemos un percorrido por algún dos xogos máis especiais que usaron os magos de todos os tempos. Divertidísimo e xenial!

No medio das páxinas dos libros vellos están moitas veces agochados bonitos poemas. Hoxe, xogamos aos detectives para descubrir todas aquelas poesías que durmen silandeiras nas páxinas de moitos libros, sen que ninguén se decate de que está aí.

Fixémolo coa axuda de Cris Corral, no obradoiro “De libros vellos e poesías agochadas” e usamos a técnica da poesía Blackout do deseñador Austin Kleon, que consiste en ocultar palabras dun libro ou xornal deixando visibles so aquelas que formarán o poema que queiramos e partindo dunha palabra “áncora”. Un taller precioso e inspirador.

Esta última mañá do Salón (por esta edición) resultou do más productiva e artística! Coa axuda e inspiración de Sofía Venzel creamos un libro xogo ben lucido. Empregamos cartolinas e rotus para ilustralo ao noso xeito e quedou fermoso!

Tamén foi o día da homenaxe! Un acto emotivo e emocionante, ao tempo que divertido, dinámico, rockeiro e poético. Así celebramos a María Fe Quesada e a Manuel Lourenzo González, nunha sesión que contou co acompañamento musical de Noite Fernández e dos rapaces e rapazas do Rock Lab, que compuxeron unha canción para cada un dos homenaxeados: “Animais de Compañía” para o escritor e “Pinta a nosa vida” para a ilustradora. A laudatio de María Fe correu a cargo de Iris Darriba, actriz e filla da homenaxeada, e a de Manuel Lourenzo por parte do seu amigo e cineasta Mario Iglesias. A concelleira, Carme Fouces, foi quen guiou a homenaxe, que encheu o Salón de Actos do Pazo da Cultura. Orbil e Lucas foron os encargados de entregar os tradicionais Ravacholes como agasallo.

Compartir esta entrada