Logos O SALON - Concello de Pontevedra

Domingo 8 de marzo

No Salón tamén fixemos a nosa reivindicación polo 8M, porque cremos nun mundo máis xusto e feminista. Lembrade que temos lecturas de todo tipo que nos fan lembrar esta data e a súa loita todos os días do ano, non deixedes de visitar a nosa biblioteca para ler libros con lentes morados!

Recibimos á ilustradora e música Laura Romero que se achegou ao Salón co seu obradoiro de ilustración e estampación arredor da figura de varias músicas actuais. Entre cores ,cartóns e selos de goma EVA, a cativada coñeceu artistas como a cantautora MJ Pérez, a contrabaixista Yudit Almeida ou Lúa Aguete é a batería  do grupo de rock galego Cuarta Xusta.

A bordadora mexicana Maritza Berttolini, establecida en Pontevedra, deseñou e bordou o cartel desta edición do Salón con máis de 1.000 puntadas e 100 metros de fío. A nós non nos fixo falta tanto, pero demos bordado unha sandía preciosa no taller que impartíu hoxe seguindo as súas instrucións. Foi a través dun conto ben xeitoso: unha semente pequena que vivía baixo terra, da que unha pinga de auga fixo agromar unha planta da que medrou unha sandía verde por fóra, vermella, doce e chea de divertidas pepas negras. Igualiña que a nosa!

Para celebrar (e reivindicar!) o día da Muller neste 8M pedímoslles ás nosas amigas Toupeiras que nos falasen de contos de cantos de mulleres, de Brasil e de Galicia. Fixérono nun espectáculo que puidemos gozar hoxe en primicia mundial. As mulleres conservaron a tradición oral e a lingua durante séculos e cómpre recoñecer este labor que tanto nos deu de cantar e de bailar.

Hoxe cantamos: ”Samba Lelé”, ”Verde Gaio”, “Eu vou” ou “Mazurca de Toutón”, entre outras. Grazas ás nosas amigas Toupeiras que por primeira vez actuaron no Salón e, de seguro, non ha de ser a última. Canto talento hai esta cidade!

Coas amigas de Reviravolta cociñamos doces palestinos. Hoxe tocou facer kellaj con masa follada e queixo de cabra e ricotta. Unha mestura ben saborosa que tivo que pasar polo forno mentres lemos contos. Aprendemos sobre a variedade de queixos que hai no mundo e o máis importante: aprendemos a compartir!

Que ben os pasamos vendo as aventuras de Lala e Lolo no Circo. A gatiña e o canciño estaban con moitos nervos pola función circense que ían estrear. E claro, hai cousas que non saen ben á primeira. Pero con moito traballo, moita enerxía e ilusión, se cadra pode comezar a función! Viva o circo musical!

As nosas amigas Bea Campos e Alicia Otero visitaron o Salón cos seus “Contos para Violeta”, un brazadiño de historias coas que reflexionamos sobre os estereotipos de xénero que aínda existen.

Para facelo puxemos as gafas moradas (sempre as temos, pero hoxe, que é 8 de marzo, aínda con máis brillo), e gozamos de historias como a de Rosa Caramelo, nunha sesión na que tamén houbo moita música. Foi fantástico!

A maxia e a música forman unha estupenda combinación. Hoxe poidémolo comprobar en “Concertos imposibles” no que nada, pero nada nada é o que parece. Adiviñas musicais, números máxicos e moito humor no espectáculo guiado polo gran Mago Paco, que veu acompañado dos seus amigos Nacho Samena, Lola Mento, Luigi Ludus e Sara Rodríguez.

Unha maneira ben xeitosa de rematar esta día, a que si?

Compartir esta entrada