E chegou o agardado día: os coles chegaron ao Salón do Libro! Hoxe recibimos aos CEIPs A Xunqueira 1, Praza de Barcelos, Daría González, Ponte Sampaio, Corvillón, A Laxe e Manuel Cordo Boullosa. Que ledicia o reencontro de Orbil cos escolares!
Que ben o pasou a rapazada dos centros de ensino nos contacontos que esta mañá achegaron Raquel de Oqo Editora, Bea Campos, Carlos Yus de Migallas e Tareixa e Xacobe de Pavís Pavos! Lemos A mellor sopa, A partes iguais, Garabanciña, contos da colección ‘Do berce á lúa’ para contar e cantar, A galiña e o crocodilo , A ra da boca grande… E como non podía ser doutro xeito no Salón da música, ata inventamos e cantamos unha canción: Entroume o xampú nu ollo, esvarei co xabón, patinei co pé esquerdo e peguei un coscorrón.
As sesións de obradoiros as que asistiron os CEIPs de Ponte Sampaio, A Laxe, Corvillón e Manuel Cordo Boullosa foron moi musicais tamén.
Unha mestura entre a tradición, da man de As Toupeiras e Marcelo Dobode e a ciencia, cos amigos de Arenaria. Falamos da música tradicional galega, das foliadas e os aturuxos, das cunchas , os pandeiros e as pandeiretas. Pero tamén de como facer música con copas de cristal, da vibración e as frecuencias e toda a ciencia que agocha algo tan especial como a música. Canto aprendemos!
Ao remate das actividades, todos os coles fixeron un percorrido polo Salón, que agocha miles de libros pero tamén… os traballos chulísimos que fixeron as escolas!! Instrumentos, tocadiscos, videos con cancións…
Todo dentro dunha ambientación ben fermosa, chea de curiosidades e historias que ninguén coñece mellor que o noso monitorado.
E pola tarde estreamos a semana cunha proposta de luxo, a nosa amiga Sonsoles Penadique achegounos un lote de canción tradicionais galegas recollidas pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth, que andou a percorrer o país enteiro cun chintófano que gravaba as voces das cantareiras. E grazas a ela, e a Antón Santamarina que lle axudou na recolla, temos moitísimas cancións dispoñibles para cantar e bailar . Canto nos prestou escoitar o acordeón de Sonsoles una vez máis no Salón! Somos moi felices cada vez que nos visitas!
Quen diría que algo tan cheo de emoción, sentimento e arte como a música, agoche dentro tanta ciencia: as vibracións das cordas dos instrumentos ou da pel dun pandeiro, que é quen de apagar unha candea.
A “música” que somos quen de facer cunha copa de vidro con agua grazas á frecuencia e a resonancia… Canto aprendemos!!
Temos un monitorado máis xeitoso…
Fixemos con elas unha visita guiada polo Salón, porque saben todos os recunchos e contan unhas historias xeniais. Pero o verdadeiramente xenial foi o obradoiro “Dalle ritmo” no que creamos música, primeiro co noso propio corpo e logo cunha morea de instrumentos variados que trouxeron. Rematamos cunha foliada a que se sumou Orbil coa súa pandeireta. Que a música non pare!!!























