Hoxe tivemos una mañá moi máxica e musical, con Orbil rockeiro recibindo a cativada dos CEIP Pedro Antonio Cerviño, Santo André de Xeve, Tenorio, Xunqueira I. Marcón, Carballal, o CPR San José e o CEE Pontevedra para ver o novo espectáculo do Mago Paco e o dos nosos amigos Quique Mauricio, Tania Solla e Marcelo Dobode do Colectivo Xurelo. Botamos moito de menos a Charli, que nos visitaba cada ano no Salón, e puidemos ver as súas fotos e os seus libros na Biblioteca de Pedrarcana.
Logo visitamos o Salón coas equipas de monitorado, e puidemos ver os traballos de todos os coles e ata tocar varios instrumentos musicais.
Tamén recibimos a visita das nosas amigas da Facultade de Belas Artes (4.º de Transmisión, mediación e educación artística) da Uvigo. Como futuras/os profesionais, gustóunos moito contarlles todo o traballo que facemos no Salón, amosarlles os recantos e as actividades que desenvolvemos para dinamizar o libro e a lectura. Ata puidemos gozar dun concerto improvisado de Marcelo Dobode na zona de percusión tradicional!
Pola tarde, e da man do Colectivo Xurelo que tamén estivo canda nós pola mañá, aprendemos una chea de cousas sobre Exeria, una escritora e viaxeira do século IV antes de Cristo. Percorreu Exipto, o Monte Sinaí, Siria, Mesopotamia, Constantinopla e tamén diversos territorios do noso país convidado, Palestina. Escoitamos, cantamos e debuxamos con Quique Mauricio, Tania Solla e Marcelo Dobode.
Homenaxe a Carlos Taboada (Charli)
Que tarde de emocións! Fermosa si, pero emocionante de máis para todos e todas aquelas que coñecemos e queriamos a Charli.
Non atopamos xeito mellor de renderlle homenaxe que darlle o nome do seu libro ‘A biblioteca de Pedrarcana’ á nosa bibloteca. Un lugar onde pasou grandes momentos xunto ao seu pequeno Artai e a Joana, a súa muller.
Preciosas palabras as que ela lle dedicou. Tamén as do concelleiro, que lembrou a Charli e a todas as persoas que como el, fixeron parte do Salón e xa non están entre nós. Cheo de anécdotas e bos momentos o discurso de Quique Mauricio, fundador, xunto a Charli, de Polo Correo do Vento. Non faltou a música da man dos seus compañeiros Marcelo Dobode e Antón Ke, quen compuxeron unha canción no seu recordo.
E entre os recordos ben fermosos que deixa Charli queda o que destacaron os monitores e Tati no seu discurso: a súa capacidade para facer que calquera fose quen de debuxar seguindo as súas indicacións: “facemos unha liña, dous borranchóns”. Parece que o vexo, lapis en man e sorriso en boca. O mesmo que asomará cada vez que alguén o lembre. Grazas por todo, amigo. Estarás sempre nos nosos corazóns e tamén, na biblioteca do Salón que entre libros temos todos os mundos posibles.



















