Logos O SALON - Concello de Pontevedra

Sábado 7 de marzo

Comezamos o día co coa xornada de mediación lectora: Moito por ler!, unha iniciativa da Fundación Xistral na que reflexionamos e coñecemos iniciativas para promocionar a lectura.

Os monstros están presentes no noso día a día e prodúcennos terror porque nos privan da nosa liberdade con invasións, destrucións e morte. É por iso que os tememos. Tamén habitan nos contos, claro, con diferentes formas e presentacións. Cómpre termos mecanismos para identificalos e superalos.

E iso mesmo foi o que aprendemos hoxe cos amigos e amigas de Pavís Pavós na súa sesión. Contáronnos o conto de Media Cara e fixemos, nun fantástico obradoiro e coas nosas propias mans, un monstro de Media Cara (para levarmos para a casa!).

Palestina 🇵🇸 estivo moi presente en varias das actividades do día. Da man de Creart coñecemos a situación dos nenos e nenas que sobreviven alí, en espazos que distan moito do que chamariamos fogar.
Traballamos sobre a construción da paz e creamos conxuntamente “Un lugar posible”: un espazo conceptual no que proxectar emocións, ideas e desexos. Tantas cores coma as dos lazos da instalación artística ‘Enlázate a Gaza’. Unha actuación que busca concienciar sobre a violación sistemática dos dereitos do pobo palestino, conectando a través da arte as dúas ribeiras: a de Gaza no Mediterráneo e a de Galicia no Atlántico. Estará dispoñible para ser visitada todos os días do Salón.

Tamén recibimos ás amigas de As Toupeiras, coa súa sesión: ‘Non é unha caixa’, coa que os bebés gozaron coa música e as cantigas.

Quique Mauricio, Tania Solla e Marcelo Dobode forman o Colectivo Xurelo, un marabilloso grupo multicisciplinar (tamén coñecidos por formar parte de @polocorreodovento ). Este sábado ofrecéronnos un espectáculo de contos e ilustración de absoluta estrea, “Desde o río ata o mar: contos por Palestina”.

Sofía Venzel e Michel Casado trouxeron ao Salón un obradoiro moi entretido: Orquestra enredada. A partir de imaxes a rapazada creou instrumentos imposibles mesturado anacos de varios deles. Quedaron uns collages ben divertidos!

E para obras de arte as das amigas de Taller Abierto no seu obradoiro: “A música da arte”. Seleccionaron fragmentos de pinturas de artistas galegos/as que os nenos e nenas completaron empregando a súa imaxinación. Como resultado, naceron novas pezas. Ana e África amosaron as obras orixinais (El piano de Elena Gago, Guitarra y jarrón de Barreiro ou Foliada de Roberto González del Blanco entre outras) e a cativada puido comprobar a similitude ou diferenza respecto das súas creacións. Para rematar como artistas que son puxeron nome as súas obras, que foron penduradas na parede como nunha exposición. Bo traballo!

E pola tarde

Unha das actividades que máis nos presta no Salón é a de escoitar contiños mentres aprendemos ricas receitas (ademais de facelas!).☺️
Iso mesmo fixemos hoxe nos dous talleres de cociña das amigas de Reviravolta.

Os nenos e as nenas que forman parte dos coros Luis García Limeses e o coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga emocionáronnos coas súas voces. Foi no concerto “Cancións pola paz”, cun repertorio de melodías con títulos como “Que canten los niños”; “Over the rainbow” ou “Wonderful world” coas que cantamos pola esperanza e por un mundo onde a palabra substitúa ás armas e a violencia. Agardemos sexa así moi pronto.
Estiveron acompañados na parte musical por Raúl Rodríguez no piano e Dana rey e Loudes Olbés nos violíns.

No Salón sempre suceden cousas especiais e máxicas, como que o Premio Nacional de Circo 2025, Pista Catro Pista Catro viñeran hoxe estrear o seu novo espectáculo ‘A contratempo’. Unha viaxe co circo coma ferramenta vehicular . Un espectáculo de teatro – circo en formato cabaret, ao máis puro estilo Pistacatro, no que os números aéreos, acrobacias, malabares, roda cyr , deixaron abraiado ao numeroso público. Cativada e famiia gozaron desta proposta que vai máis aló da exhibición de habilidades: unha dramaturxia que reivindica o circo tradicional e a súa evolución ata hoxe.

Compartir esta entrada