O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Espectáculo inaugural – Salón de marabillas salvaxes

Menudo Salón de marabillas salvaxes!! Porque ese é o nome do espectáculo máxico co que botou a andar hoxe o XXIII Salón do Libro, que leva por lema ’Con moita arte!’ e aquí arte, sobrou. A cerva Clementina (Lucía Aldao) e a raposa Livia, (María Lado), acompañadas do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, foron as encargadas de conducir o espectáculo que comezou co emotivo discurso da concelleira de Cultura Carme Fouces Díaz que manifestou a emoción de levar a cabo esta 23ª edición, presencial e con aforos ao 100% logo destes anos complicados. Cedeu a palabra a Nieves Fernández, directora de Unesco Etxea que agradeceu ao Salón e o Concello a posibilidade de intercambiar culturas, coñecementos e establecer unha colaboración que terá continuidade no tempo.

O coro da Xunqueira 1 interpretou varias pezas antes de que Raquel Benítez recitara o poema Txoria Txori adicado aos txantxangorri (paporrubios) e o dantzari Isaak Aramberri interpretara dúas fermosas pezas.

Seguiron as marabillosas e salvaxes actuacións do Ballet de Galicia, Diego Landín co “Entroido dos animais” e a a posteriori a pianista Andrea García da man do Museo do Videoxogo.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comezou o discurso amosando o seu pesar pola barbarie que ten lugar estes días nos que o Salón é un oasis no medio. Destacou a importante labor deste proxecto que ao longo de 23 anos acompañou a porfesores e pais na educación da cativada e fixo alusión aos tempos nos que el acudía cos seus fillos, que agora traen aos seus netos. Desvelou que o segredo da súa continuidade, cando outros proxectos similares quedaron no camiño, está na aposta polos profesionais de aquí e polo apoio dos centros escolares, o profesorado e toda a xente que quere ao Salón. “A cultura é o que nos saca da barbarie e traerá paz e tranquilidade”.

O espectáculo rematou coa agardada chegada de Orbil. Fixemos un baile sentados/as – todas menos Orbil – e unha foto de grupo porque días coma hoxe, hainos que lembrar sempre. Moitas grazas por nos acompañar e encher o auditorio!!

Compartir esta entrada