Esta maña vivimos con moitísima ilusión o acto central do programa do Salón deste ano: a homenaxe á escritora, Marica Campo e ao ilustrador, Xosé Cobas.
Foi nun fermoso encontro que celebramos nun salón de actos ateigado de amigos, familiares e persoas que admiran a obra e traxectoria dxs homenaxeadxs. Na parte musical acompañounos Su Pombo Garrido, coa súa increíble voz, e tamén a banda do Rock Lab, que interpretou dous temas relacionados con obras de Marica e Xosé.
Soledad Felloza foi a encargada de facer a “laudatio” de Marica Campo. Na súa intervención, chea de emoción pola amizade e admiración que as une, falou do compromiso da prolífica escritora coa causa feminista, a lingua, o país e a xustiza social. Destacou que a autora de “Nosoutras” cultiva todos os xéneros literarios “onde a muller ocupa a centralidade do relato”, e remarcou a especial importancia que ten o seu poemario -Sextinario: trinta e seis + tres-, “unha peza única na poética galega porque é unha sextina”, que fai de Marica Campo un absoluto referente.
Pola súa parte, Marica Campo contounos cunha metáfora o que é para ela a escrita: “escribir sen paixón é como escribir nomes na area. Vén o mar e lévaos”, falounos da importancia que ten escribir literatura infantil e xuvenil e que para ela “é importante que teña valores e consignas para a vida”. A autora incidíu na importancia e o valor das letras sobre todas as cousas: “deixar unha herdanza de palabras é o mellor que podemos facer polo futuro da nosa terra”.
Antonio García Teijeiro, autor homenaxeado no Salón prepandémico – como así o recordou a concelleira de Cultura, Carme Fouces- fixo a “laudatio” do outro protagonista da homenaxe: o ilustrador Xosé Cobas. Cheo de emoción, García Teijeiro lembrou as obras nas que colaboraron os dous, e destacou a especial sensibilidade artística de Cobas “é un narrador visual, un poeta da imaxe. É quen de facer unha lectura visual perfecta, fonda. Nada en Cobas é casual. Ten unha técnica descomunal e é capaz de converter o alleo en persoal, cun estilo inconfundible. Ten unha voz estética de seu”. Para finalizar a súa intervención, García Teijeiro dedicoulle a Cobas un fermoso poema creado para a ocasión.
Na súa intervención, Xosé Cobas fixo unha lembranza de Xabier P. Docampo e recordou os anos da infancia nos que espertou nel a vocación artística. Lembrou como na casa dos avós nunha aldea de Negreira, comezou a imaxinar e debuxar mundos e contou unha divertida anécdota na que el construía bicicletas imaxinarias. “Debuxábas con xiz ou tellas rotas na beirarrúa e facíao cando o gato aquelaba a súa cara en dirección suroeste. Iso significaba que viña a choiva e con ela esparexábase a miña obra. Sería a choiva a miña mellor lectora daquela? Preguntóuse Cobas relatando o divertido “sucedido”.
Foi un acto fermoso e sentido do que vos deixamos algunhas imaxes que resumen perfectamente a emoción vivida. Moitas grazas por todo, Marica e Xosé.