No Salón hai unha cousa que nos gusta case tanto como ler: as historias de animais! E de animais e as súas aventuras foron algúns dos contos que os amigos de Pavís Pavós nos trouxeron esta tarde na sesión para bebés “Palma, repalma”. Que ben o pasamos! Rimos, cantamos bailamos… foi divertidísimo!
“Era un cabaliño que viña polo monte, queres que cho conte?”
Esta tarde volvemos ter no Salón á nosa amiga Susana Suniaga, coa que coñecemos a historia dos libros de artista e non só vimos obras famosas senón que fixemos a nosa propia obra de arte. Intervimos un libro e comprobamos que, entre a cativada do Salón, hai arte de sobra!
Xunto aos amigos de Migallas Teatro achegámonos á figura das mulleres no mundo da arte. Coñecemos as artistas Xulia Minguillón, Sonia Delaunay, Frida Khalo e Yayoi Kusama, a súa obra e cales foron as súas fontes de inspiración. Tamén entre historias e música falamos da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotián ata o da creación artística. Que ben o pasamos!
Engtre as actividades da tarde tivemos unha ben especial e divertida! Foi o encontro co noso escritor convidado de Euskal Herria, Txabi Arnal, que veu visitarnos desde Vitoria-Gasteiz para falarnos da súa obra en xeral e da última en particular: O meu piollo (Triqueta). Con el aprendemos un pouco de euskera, descubrimos aventuras de personaxes moi tolos e puidemos coñecer de preto a un autor xenial! Foi realmente inspirador!
E na cociña do Salón con Reviravolta Lecer , tocou preparar “tosta de cabaciño empanado con xamón e queixo”. O resultado foi delicioooso! Somos unhas artistas na cociña, como artista era o rato Matías, a historia que nos contaron esta tarde : a súa primeira visita a un museo cámbialle a vida e ábrelle as portas a un mundo de formas e cores para plasmar os seus soños sobre lenzos.
Pechamos o día con rock da man dos nenos e as nenas do Rock Lab que nos levaron de paseo musical pola historia da arte. Xuntxs exploramos movementos como as vangardas artísticas e coñecemos creadores do panorama artístico actual como Bansky. Entre os temas que escoitamos, grazas ao inmenso talento destes pequenxs grandes artistas, houbo versións de Massive Attack ou Chemical Brothers. Unha marabilla!
Que fermosa maneira de unir as artes nun concerto singular e único, só aquí no Salón!