Hoxe tivemos xogos tradicionais galegos no Salón, que viñeron directos do Museo Etnolúdico de Galicia Melga. Hai unha chea de propostas estupendas para coñecer a nosa historia tamén a través dos xogos.
Fixemos un roteiro ben divertido pola cidade, con xogos e pistas e unha chea de aventuras. E sabedes a pista de quen seguimos, de José casal, que ademais de ser un médico moi importante da nosa vila foi un gran compilador de xogos tradicionais galegos para a infancia. Escribiu o libro “Costumbres populares. Apuntes acerca de juegos, diversiones, pasatiempos, entretenimientos y juguetes” na que recolle preto de 150 xogos de mans dos menos e nenas que vivían a pri ncipios do século XX en Pontevedra. O orixinal desta obra está no Museo de Pontevedra. A de cousas que aprendemos con Leucoíña Pasea.
E como non iamos celebrar os Maios no Salón? Con libros e flores fixemos un Maio moi xeitoso e ata compuxemos unha letra fantástica para que saibades todo o que estamos a argallar este ano. A que temos a mellor mascota e o mellor monitorado? (E o mellor público!)
Nesta mañá solleira abrimos o noso Laboratorio das palabras, o obradoiro de xogos literarios que trouxeron ao Salón as nosas amigas de Kairós. Xogamos a inventar historias a partir de palabras encadeadas, a buscar as semellanzas e máis cousas. Rimos e divertímonos un mundo! Orbil quedou pasmado coa creatividade dos nenos e das nenas que participaron. Foi divertidísimo!
Baseado no libro disco do mesmo nome, hoxe os máis pequenos da casa gozaron cos ‘Xogos musicais’ de Luis Prego. Cantamos unha morea de cantigas infantís e tradicionais con letras repetitivas e ben fáciles de memorizar para todos.
Seguimos con Colombia nos contos e no corazón. E tanto e así que os nosos amigos de Polo Correo do Vento, acompañados de Anton Ke, Marcelo Dobode e Tania Solla fixeron un percorrido literario, plástico e musical por Macondo, a vila de “Cien años de soledad” de Gabriel García Márquez na que non paraba de chover. E nesa viaxe literaria e artística tamén coñecemos a Rafael Dieste e a Maruxa Mallo que estaban de visita por América. E ao final da sesión, debuxamos o retrato do escritor colombiano (con bigote e todo!)