Que gana tiñamos de recibir aos coles no Salón! E que gana tiña a cativada de vir aprender, xogar e… abrazar a Orbil! Da man do monitorado, alumnado de infantil e primaria percorreu a ambientación: nenos e nenas xogaron cos traballos dos coles, descubriron todos os recunchos da Sala e aprenderon curiosidades sobre Colombia (cultura convidada) ou os autores homenaxeados: María Fe Quesada e Manuel Lourenzo González.
Organizados en dúas quendas os CEIPS Pedro Antonio Cerviño (Campolameiro) Cordo Boullosa, (Ponte Caldelas), Colegio Sagrado Corazón Placeres, Ceip Alvarez Limeses e Ceip Praza de Barcelos, CEIP Manuel Vidal Portela. participaron da sesión de contos de Raquel Queizás, Migallas Teatro e a contadora colombiana Carolina Rueda, onde puideron gozar con historias de tradición oral, animáis, coñecer mulleres como a pirata Mary Read, etc. Tamén dos diferentes obradoiros, da man da ilustradora Susana Suniaga, Curiosaurios Club, as rapazas de Vacío Cero e o mediador chegado desde Colombia, Diego Alejandro. A ilustración e os referentes artísticos, a creación coa literatura e a poesía como inspiración, as historias habitadas ou o stop motion foron os protagonistas.
Logo de ler breves historias e poemas de libros seleccionados por Diego Alejandro Ruiz con moito agarimo – autoedicións e pequenos tesouros da literaruta infantil colombiana- a cativada e as súas familias traballaron xuntas para facer os seus poemarios de peto. Son tan pequenos como bonitiños e podémolos levar con nós por se hai necesidade ou urxencia de ler. Urxencia de ler? Si! Porque os libros sanan, dan acougo e aloumiños.
Hoxe tivemos tamén a visita do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño na que 40 alumnos/as de Oratoria percorreron divididos en dous grupos o Salón do Libro. O monitorado realizou explicacións sobre a obra da ilustradora María Fe Quesada, Manuel Lourenzo, os xogos do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA). O alumnado gozou do percorrido interactuou coa ambientación e rematou a visita gozando do contacontos da colombiana Carolina Rueda.
Un dos nosos momentos preferidos é o encontro da rapaza dos clubs de lectura de Pontevedra. Nunha xornada guiada por @aldaolado puidemos coñecer que len, cales son as súas obras preferidas e os tipos de clubs que funcionan nos centros: manga, francés, feminismo, ecoloxía… ademais de música e poesía tivemos un concurso literario ben divertido no que a rapazada gañou unha chea de libros para seguir gozando da lectura.
Non poden faltar no Salón os encontros coas autoras. Empezamos a semana con Emma Pedreira que nos amosou a súa maleta de libros especiais, libros obxecto e artefactos literarios do máis inspiradores. Tamén fixemos un libro-torre con reflexións e poemas sobre que é para nós a lectura.
O Salón tamén sae á cidade e as librarías son o mellor espazo para falar de libros. Desta vez, Silvia Penas conversou co noso convidado Diego Alejandro Ruiz sobre a mediación lectora, a poesía, sobre a necesidade de ler en voz alta. O son da voz e das palabras chegou con textos da escritota colombian Amalia Lú e con poemas escollidos ao chou dos poemarios de peto vidos directamente desde Medellín. Unha noite deliciosa na Libraría Paz!
Cousas da vida
teñen que ser
onde hai galiñas
ovos ten que haber.
Cousas da vida
teñen que ser
onde hai meniñas
sono ten que haber”
Esta é unha das fermosas cantigas que poidemos escoitar en “Arrolar” a actividade da Fundación Legar dentro de “Apego primavera”. A cativada escoitou sen pestañexar arrolos e cancións da tradición oral acompañadas de instrumentos musicais do máis orixinal. Que poder o da música e a palabra!