Orbil está contentísimo estes días con tanta xente por aquí. Disfruta especialmente coas visitas dos colexios que todos os anos fan uns traballos preciosos para adornar o Salón. Esta mañá viñeron dos CEIPS Froebel, Xunqueira 2, Campolongo, A Carballerira (Lourizán) e o CPI do Toural (Vilaboa).
Que ben o pasamos!
Nos obradoiros que desenvolvemos polas mañás cos coles estamos a facer unhas cousas taaaaaaan bonitas… Estampamos as nosas ideas nunha tea para facer un tipi coas amigas VacioCero, creamos unha personaxe de cartolina á que lle dar vida coa técnica stop motion con Curiosaurios Club. Coñecemos a Botero e outras referencias artísticas e tamén ilustramos cos nosos debuxos catálogos e publicacións vellas con Susana Suniaga. De remate escoitamos contos colombianos e fixemos unha casiña de papel con Diego Alejandro Ruiz.
Outras das cousas fermosas que facemos polas mañás son as sesións de contos cos coles. Hoxe trouxeron as súas historias ao Salón os nosos amigos: Tareixa de Pavís Pavós, Bea Campos e Carlos de Migallas Teatro. Un feixiño de contos que levaron para cadanseu cole os nenos e as nenas dos centros Ceip Froebel, Ceip Carballeira (Lourizán) e Ceip do Toural de Vilaboa.
A literatura axuda a descubrir lugares e historias, pero tamén outras culturas como a colombiana, convidada nesta edición do Salón.
Da man de Diego Alejandro Ruiz gozamos con ‘Letras al Carbón’ de Irene Vasco, ‘Cuentos de Amalia Low’ da Colección Safari onde os animais son os protagonistas, etc. Fixemos un percorrido por autores, contos e cantos de Colombia e tradición latina en xeral, e todo sen saír do Salón.
E pola tarde…
Que gana tiñamos de ter a Caxoto no Salón! E por aquí pasou cos seus contos a pé de rúa, coa vasoira e unha manchea de contos cos que pasamos unha tarde ben divertida e moi interxeracional, cos peques, as familias e tamén coas nosas amigas maiores das Amarindas de Cons, en Mourente.
Os videoxogos do MUVI xa son un clásico no Salón e de videoxogos clásicos -precisamente- foi o taller desta tarde, no que exploramos algúns dos referentes de décadas pasadas. Unha descuberta para a cativada e unha volta a infancia para os pais e nais que os acompañaban. As narrativas dos videoxogos e a literatura van da man e este ano que o dedicamos ao xogo e á compoñente lúdica, pois aínda máis!
Pola tarde recibimos moitas visitas, algunhas delas fixéronnos moita ilusión como a das integrantes da asociación As Amarindas, que teñen un taller de memoria en Cons (Mourente). Saudaron a Orbil, visitaron a ambientación do Salón e asistiron á sesión de contos de Caxoto. Grazas por vir! E grazas tamén ao Ceip nº 1 de Tui que esta tarde colleu un bus e veu ao Salón visitarnos. Ata pronto!
Para rematar o día unimos os contos cos caraveis, que por algo é 25 de abril!
Orbil pedíulle ao noso monitorado que organizara un taller para conmemorar esta efeméride tan importante e celebrala. E mans á obra! Ata Orbil levou un no peito feito pola cativada.