O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Mércores, 26 de abril

Un novo día recibindo centros escolares colaboradores como os de Campolongo, Barcelos, Álvarez Limeses e as Xunqueiras 1 e 2 pero tamén externos: chegaron do CEIP Cedeira de Redondela, o San Narciso de Marín o a Asociación BATA de Bayón recibiron o saúdo de Orbil antes de percorrer o Salón da man do monitorado.

Para completar a mañá asistiron a un pase de #WomboCombo, a peza teatral de Galeatro con texto de Paula Carballeira, que poderemos ver esta tarde (a partir das 19.00 h) no Auditorio.

Xa sabedes que no Salón non paramos de argallar cousas e hoxe estamos moi contentas de presentar esta nova iniciativa: a Escola de Escrita Xuvenil , que terá lugar en 4 sesións ata o 7 de xuño da man do escritor homenaxeado no Salón, Manuel Lourenzo González.

Máis dunha ducia de estudantes de 12 a 16 anos, principalmente rapazas, participan neste novo proxecto do Concello de Pontevedra que busca dar resposta ao interese pola escrita dos adolescentes de Pontevedra e que rematará o curso cunha publicación recopilatoria das historias creadas pola rapazada.

A Escola de Escrita xuvenil é un proxecto que bota a andar por primeia vez dentro do Salón do Libro e ten como finalidade darlle saída ás inquedanzas sobre a escrita que ten o alumnado de secundaria e bacharelato dos institutos de Pontevedra.

Ofrecerlles formación, un apoio, un seguemento, coñecemento de técnicas de escrita, exercicios, etc.
Abre unha nova liña que vai máis aló de promover a lectura e busca que a rapazada non só lea, senon que tamén escriba. A intención é que ao final do curso haxa un pequeño volume coas historias da rapazada.

A guacamaya tropical Bololó e a súa compañeira de aventuras, Li Morenita, viñeron desde Macondo ao Salón a contarnos unha chea de historias.

Macondo é o pobo de Gabito? E… quen é Gabito? Grazas a Li Morenita esta tarde poidémolo descubrir!

Li Morenita é outra das nosas convidadas de Colombia nesta edición. A través da súa voz emprendemos unha viaxe de palabras para coñecer anaquiños da vida e obra do escritor Gabriel García Márquez. Coas súas historias e a grazas ao realismo máxico propio da obra de Gabito, coñecemos tamén anaquiños vibrantes de Colombia, cultura convidada no Salón.

O Salón está feito de palabras e cores, de afecto e de soños, de libros. Pero no cerne do Salón están as persoas que deixaron a súa alma, a súa ilusión, o seu tempo, a súa creatividade. E unha delas foi María Paz, a súa pegada segue presente en todos os recantos, en todas as lembranzas. Por iso foi unha honra acoller hoxe a homenaxe das súas amizades e familia, lembrar entre todos e todas a súa forza, sinxeleza, enerxía, talento, o seu compromiso, as súas mans que tecían e tecían, que enchían de cores a vida de quen estaba ao seu carón. Tecían traxes e bolsos, pero sobre todo tecían redes de afectos con fíos rexos e invisibles, fíos que hoxe nos acompañaron e nos fixeron sentir que estaba a carón de nós, sorrindo, en silencio. Ata sempre, María.

Compartir esta entrada