Que gusto dá comenzar a mañá cunha aperta ben forte de Orbil! Así foi para a cativada dos Sauces, San José e Xunqueira 1 que hoxe visitou o Salón para escoitar contos, facer obradoiros e visitas guiadas co noso monitorado.
Un conto de bechos por aquí, outro de Colombia con Li Morenita por alá. Recortar pregar, pintar. Pásame unha cartolina! Preciso pegamento! Aiiii, que risa este conto!! Mira que casiña tan linda fixeches…
E así, entre contos, recortes e unha morea de creatividade pasaron os nenos e nenas a mañá facendo obradoiros, Anxo Fariña e Santiago Lopo tamén impartiron talleres. Cantas cousas que contar ao chegar a casa!
E pola tarde…
A segunda xornada do Congreso de Mediación Lectora puxo o foco na lectura como xogo, coa conferencia da especialista e crítica literaria Ana Garralón. Os xogos de palabras, a poesía, a tradición oral, o libro como obxecto… a lectura como punto de partida para brincar. Para quen non puido vir, sempre queda seguir o seu traballo sobre LIX no blog Anatarambana: https://anatarambana.substack.com
“E se non lemos uns contos? Libros informativos” é o título do obradoiro impartido Ana Garralón logo da súa ponencia. Ao longo da tarde celebramos tres máis a cargo de Hematocrítico (Escribir é divertido!), Esther Carrodeguas (Ferramentas teatrais para xogar na auga), Manuela Vázquez e Marina Castro (Xogando nos patios inclusivos).
Esta tarde a nosa Rodalibros viaxeira arribou no Mosteiro de Lérez. A cativada aproveitou a chegada da biblio sobre rodas para gozar dun anaco de lectura e coñecer algunhas das novidades editoriais que temos no Salón. Mañá estará na Casa Verde de Salcedo.
Co libro máxico de Raquel Queizás xogamos ás adiviñas e contamos unha morea de contos. Descubrimos os ovos dos que medraron unha serpe, un langostino, un avestrúz e unha rá verde cos ollos saltóns. Tamén un peixe e un dinosaurio, un poliño un caracol e unha xoaniña. Unha tartaruga un moucho… Mimadriña! cantos animais nacen de ovos! Un cocodrilo e…. un verme curioso! Que fuxíu para ulir as flores de noite e case o papa o sapo papón!! Menos mal que o axudaron as amigas formiga e bolboreta. Que ben o pasamos!
Da man das amigas de Gestión cultural _ taller abierto percorremos e descubrimos a cidade como espazo de xogo, como territorio lúdico o de desenvolver a imaxinación nas súas rúas, prazas e parques
Aproveitamos os elementos que o conforman como pezas de xogo para implementar propostas onde a acción (agatuñar, correr, debuxar, observar, recoller, apilar, etc) é inspirada polo lugar onde se desenvolve. Esta actividade pretende fomentar o uso e condición da rúa como territorio para a o xogo e a creación da cativada, poñendo en valor o patrimonio e o entorno próximo.
Sabedes o que é Cara Cadrada? Pois é como chamamos no Salón ao #BookFace, un divertido xogo que consiste en recrear escenas con capas de libros. O resultado non puido ser mellor!
E para rematar a tarde, o noso monitorado organizou un obradoiro para crear chapas, pero chapas con temática de banda animada! Unha maneira moi divertida de acabar este xoves, non si?