O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Mércores 13 de marzo

Hoxe tivemos unha morea de visitas, de centros colaboradores como as Doroteas, o CEIP Álvarez Limeses, o Froebel e Bata – Bayon Asociacion Tratamiento de Autismo e tamén de coles non colaboradores como o EEI Rúa Aragón de Teis ou o CEIP Arealonga de Vilagarcía de Arousa. Que ledicia cada mañá no Salón recibindo á cativada!

Que ben o pasou o alumnado de infantil do Álvarez Limeses, Froebel e Doroteas no contacontos de Bea Campos. É que a historia dos 3 osos é ben bonita e se Bea fai maxia para converter unha maleta nunha casiña, un caldeiro nun asento e.. unha manchea de calcetíns nunha familia de osiños!

Bata – Bayon Asociacion Tratamiento de Autismo estivo hoxe no Salón gozando cos amigos de Polo correo do vento e as aventuras de Panchito no seu Periplo Atlántico. E como os usuarios/as de BATA son riquiños/as a tope non perderon a oportunidade de felicitar a Kike polo seu aniversario . E nós, tampouco. Parabéns, Kike!

E pola tarde
Beatriz Campos e a contou a historia dos 3 osiños. Oso grande, oso mediano e oso pequeno que fixeron a súa casa nunha maleta. Cunha cama grande, una cama mediana e unha camiña pequena onde durme osiño: “Osiño xa fixo todo, xa pode ir durmir. Soñar cos paxariños pío, pío, pí! “ canta o paxaro que durme con el para que o sono non escape.

Se a música é maxia en si mesma, imaxinade a maxia que xurdiu ao xuntar as voces da cativada do coro infantil do CMUS Manuel Quiroga, Pontevedra e o Coro Luis García Limeses. Unha mostra do talento local, novísimo, que deixa claro que para facer grandes cousas non é preciso ir fóra. Moitas grazas aos nenos e nenas, ás familias, ao pianista Raúl Rodríguez e como non ás respectivas directoras, Nanette Sánchez e Reyes Carballo. Aínda estamos coa boca aberta logo de escoitar entre outros temas “Sobre o arco da vella” do Mago de Oz, “Un mundo ideal” de Aladín ou a fermosísima “Imos cambiar o mundo” de Fina Casalderrey e Néstor Blanco. Parabéns por esas voces e eses sorrisos máxicos.

Este mércores pasámolo xenial co monitorado do Salón! Teñen unas ideas ben enxeñosas e hoxe creamos personaxes de conto nun simple papel e a nosa imaxinación. Cun soporte por detrás e a maxia das sombras, démoslle vida. Mirade que chulada!!

Rematamos o día cunha actividade ben artística: a presentación do catálogo da exposición “Personaxes do Universo Máxico Galego”. Comisariada por Ana Seoane e con textos de Manuel Lourenzo González, a mostra amosa o traballo de 30 artistas plásticos galegos que interpretan outros tantos seres da tradición popular galega relacionados coa maxia. Óscar Villán, Silvia García, Kiko dasilva, Carmen Hermo, Manolo Figueiras, Belén Padrón, Alfonso Zaraúza, Luz Fraga ou Itziar Ezquieta son os creadores e creadoras da reinterpretación en imaxes de seres como a Raíña Lupa, o Apalpador, o Tardo, a Muller do Saco ou a Procesións das Xas, entre outros.

O catálogo recolle tanto as imaxes como as descricións dos seres míticos. “Maxia e literatura nos eidos da tradición e a arte, velaí os ingredientes dunha menciña que sen dúbida resultará salutífera para todas as persoas que se mergullen nela”, destacou o escritor Manuel Lourenzo González. Ana Seoane destacou a liberdade creativa e a riqueza das achegas creativas dos distintos traballos, dun conxunto que destacou como “moi orixinal e valioso”. Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez resaltou o tecido creativo da cidade de Pontevedra e a natureza colaborativa do Salón.

Compartir esta entrada