Hoxe puidemos coñecer ben de preto a Paula Chesire, a ilustradora e creadora de BD pontevedresa, que nos achegou detalles do seu traballo e dos seus procesos creativos, do camiño percorrido desde a súa formación ata a actualidade. Tamén compartiu co alumnado do IES Xunqueira II e do IES Frei Martín Sarmiento as dificultades do oficio de ilustradora e as súas apostas pola autoedición con proxectos como “Meigatas” o “El duelo”, co que resultou gañadora do Premio Antifaz á autora revelación do Salón del Cómic de Valencia. Tedes os seus libros nas bibliotecas do Salón, achegádevos a lelos. Tamén a teremos facendo un obradoiro de BD o domingo, que celebramos o Día do Cómic. Moitas grazas por este encontro, Paula, agardamos que sexa a primeira de moitas visitas ao Salón!
E imos chegado ao fin… da semana e tamén do Salón. Estamos a recibir as penúltimas visitas escolares, nesta ocasión procedentes do CEIP Praza de Barcelos, CEIP A Florida (Sanxenxo), CEIP de Petelos(Mos) e usuarios e usuarias de Amencer-Aspace e o Centro Méndez Núñez. Orbil non pode estar máis contento.
Esta mañá recibimos, máis unha vez, a Kiko da Silva que nos achegou ao alumnado de ESO e Bacharelato unha chea de información arredor do mundo da BD, da escola Profesional de BD O Garaxe Hermético, do oficio de ilustrar, da linguaxe narrativa do cómic e tamén dos seus proxectos creativos. Aprendemos a ler as viñetas con outros ollos, a entender os riscos da Intelixencia Artificial para o sector creativo e a valorar un dos oficios máis complexos e fermosos do mundo, o de crear unha BD. Seguimos quentando motores para celebrar o Día do Cómic, que será este domingo e para o que teremos unha programación especial, ademais dunha selección bibliográfica de BD Galega. Achegádevos ao Salón!
Tivemos máis actividades cos clubs de lectura de Pontevedra, desta volta cos clubs de feminismo e diversidade do IES Xunqueira I, Xunqueira II e IES Frei Martín Sarmiento, que trataron con María Reimóndez distintos aspectos de dúas das súas obras xuvenís: “Furia” (Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil) e “Corredora”.
O debate xirou arredor do boxeo, da desigualdade no mundo do deporte, do dó e da perda das persoas queridas, dos afectos e amores diversos, da amizade, do oficio de escribir…
Moitas grazas, María Reimóndez por compartir as túas inquedanzas, os teus procesos creativos e ata por aprendernos uns golpes de boxeo!
E pola tarde…
Usamos a técnica do cadáver exquisito no obradoiro “Libros Máxicos” dos nosos monitores.
Sabeses o que é? Consiste en debuxar entre todos e todas unha imaxe facendo cada participante un parte sen ver o que debuxan os demais. Ao rematar únense cada un dos debuxos, dáselle personalidade cuns trazos de cor e escribimos a súa historia. Como resultado do taller desta tarde coñecemos a Pepita, que é de norteamérica e gusta de correr e ir a festivais…
Quedou chulísimo. Temos uns nenos e nenas artistas!
Pasámolo xenial co mago Javier Muro e os seus bonecos: o gatiño Piqui que quería xogar, o tímido orangután Hugo, e Rodolfo, que apareceu da nada para amosar a súa valía. Fixemos trucos coas palabras máxicas ‘Sim Salabim’ pero de tanto repetilas sucederon cousas estrañas e botamos unhas risas.
Abrapalabra!
Con esta palabra máxica non hai apócema que se resista e a que fixemos esta tarde foi espectacular. Da man do monitorado do Salón con chapeus escollidos para a ocasión, buscamos os ingredientes, recollímolos nos libros que hai polas diferentes andeis do Salón e practicamos conxuros máxicos. Foi xenial!