Hoxe tivemos as derradeiras visitas escolares, esta vez chegados de fóra de Pontevedra: Sanxenxo, Cangas, Pobra do Caramiñal, Catoria etc. son algunhas das procedencias dos centros de primaria que gozaron das apertas de Orbil e as visitas guiadas. Algúns foron tamén ao espectáculo de títeres Titiricircus do que esta tarde poderá gozar o público familiar ás 19h. Que xornada matinal tan completa e fermosa!
Pechamos a mañá do último venres do Salón co encontro de alumnado de Ciencias da Educación da USC e da Uvigo, dos campus de Vigo e Ourense. Os as futuras docentes participaron nunha xornada de formación sobre as posibilidades didácticas da dramaturxia coa autora Paula Carballeira, recentemente galardoada co Premio Nacional de Teatro. Ademais dos aspectos teóricos da creación escénica, o alumnado de educación puido experimentar na propia representación. Logo visitaron O Salón cun xincana arredor do libro, da lectura e da maxia. Como nos presta propiciar estes encontros entre o estudantado e amosar as infinitas posibilidades de traballo e xogo dos libros para as crianzas. Agardamos recibirvos o ano próximo!
E pola tarde…
Para unha receita máxica, amais da sabedoría das nosas amigas Sandra e Lorena de ReviraVolta precisamos dun libro máxico. Así que lemos un conto e preparámonos para facer uns emparedados de xamón e queixo cheos de cor e sabor. Quedaron chulísimos e levamos unha merenda ben xeitosa para casa.
Esta tarde, á hora da merenda, escoitamos uns contiños e cancións moi xeitosos. Foi na sesión dirixida a bebés dos nosos amigos Pavís Pavós, “Entre contos e cantigas”. Regaláronnos historias e cancións que forman parte da nosa tradición oral e outros de creación contemporánea. Ao remate saúdamos a Orbil, foi estupendo! qÉ ou non é unha maneira máis estupenda de comezar a última fin de semana do Salón?
Como é unha bruxa? Hainas de moitos tipos. Tantos como sexas quen de imaxinar! Logo de mergullarnos nas historias de meigas, menciñeiras, fadas e ver como foron representadas en diferentes cortos, puxémonos mans a obra para crear con lapis, ceras de cores e papeis a nosa bruxa personalizada.
Escoitar a Paula Carballeira sempre é xenial, pero se nas historias que nos conta aparecen bruxas e corvos… entón é máxico!
Esta tarde veu contarnos contos de bruxas de alaaaaaaaaaaaaaá moi lonxe nos que había uns corvos cantores, un bosque escuro, e unha rapaza famenta. Aprendemos que con libros e unha hebra de prata atoparemos a felicidade aló onde esteamos. Tamén nos contou historias de máis preto, concretamente de aí ao lado, de Fene onde houbo un aquelarre con 7 bruxas, nada menos!
Pasámolo xenial! Grazas Paula, agardamos verte polo Salón de novo!