Pola mañá
O cinema é a séptima arte e non podían faltar neste Salón os nosos amigos de Curiosaurios para facermos, coas visitas escolares, unha animación en stop-motion. Que ganas de ver a peli animada!
Ao rematar os obradoiros e a sesión de contos, a rapazada dos centros escolares participou nunha visita guiada da man do monitorado. Descubriron as Vangardas, o Surrealismo, a Maruja Mallo, Manuel Moldes, Miguel Ángel, o Pop Art, as ilustradoras galegas e todos os recantos artísticos do Salón!
Por outra parte, xa puidemos ver como vai avanzando o mural que está a realizar a nosa artista residente Julia Lago. Parécenos que está a quedar xenial!
Pola tarde
Hoxe achegámonos ao surrealismo e o mundo onírico da man da artista Alba Troiteiro. Mediante selos artesanais e a técnica da estampaxe, creamos fermosas composicións con astros, animais ou fadas. Unha chulada!
E hoxe coñecemos tamén o verdadeiro significado da expresión: rato de biblioteca, grazas aos amigos de Trinketrinke Teatro. O rato Fuco foi o protagonista. Camiño ao seu lugar favorito (a biblioteca) atopou unha caixa de cores. “Serán máxicos como os de Tomé?“, pensou. Algo máxicos debían ser porque puído debuxar todo o que lle pasou pola imaxinación!
Rematamos a xornada cun novo faladoiro, desta volta co Espazo Brétema como protagonista porque o Salón tamén é un lugar para o debate e a reflexión, e para amosar proxectos tan necesarios e interesantes como o delas.














