O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Esta semana estamos a recibir moito alumnado que cursa ESO e Bacharelato nas actividades escolares que, como sabedes, acollemos os días de semana en horario de mañá. O Salón tamén é para a rapazada máis grande!

Hoxe achegáronse alumnos e alumnas do IES Luis Seoane, do IES A Xunqueira II II e do IES Sánchez Cantón. Celebraron un encontro con Kiko da Silva, ilustrador e director da escola de BD “O Garaxe Hermético – Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración“. Kiko faloulles da linguaxe do cómic, do oficio de debuxante, das obras referentes no mundo das viñetas… Unha mañá a tope coa 9º arte!

Unha das cousas que máis nos gustan do Salón é poder ler libros a eito. Gústanos aínda máis pero cando podemos falar coas autoras das obras que lemos para comentar con elas as nosas dúbidas e curiosidades, afondar no seu proceso creativo… Iso foi o que fixemos esta mañá con Rosa Aneiros e a súa obra “Sybila” (XERAIS). Tiña pendente unha visita ao Salón desde o 2020, en que tivemos que pechar pola Covid e hoxe foi o día. Foi unha felicísima e agardada conversa literaria!

Xa pola tarde e da man das amigas de Leucoíña Pasea fixemos unhas máscaras cheas de cor. Como inspiración, a nosa imaxinación e… Maruja Mallo, a afamada artista surrealista galega, á quen seu amigo Dalí definira como “metade anxo, metade marisco ”. E iso tamén o debuxamos, porque este é un Salón #ConMoitaArte e nós somos uns/unhas artistas!

Un pouco máis tarde chegou a hora da sesión de contos Ana Facchini – Narración. Ana mandounos preparar o corpo: “abre unha man, abre a outra, pecha os ollos , abre a boca. Sobe os brazos, volveos baixar, e os contos comezan xa!!” E así foi como comezou a contada, na que coñecemos a verdadeira historia, da vaca Vitoria e a mosca Raimonda. Non hai tarde no Salón sen unha boa historia!

A nosa #Rodalibros, a biblioteca viaxeira, é amiga de tódalas parroquias da cidade e hoxe, como todas as tardes de Salón, tocou viaxar de novo. Despregou a súa maxia no barrio de Campolongo. O certo é que quedou unha tarde ben xeitosa e unha morea de nenos e nenas puideron gozar dos libros da nosa biblio con rodas, os contos dos monis e os debuxos. Grazas por acompañarnos un día máis!

Compartir esta entrada