E chegamos á metade da semana entre apertas e berros de “Oooooorbil, Oooooooorbil!!!” da cativada do EEI Crespo Rivas e os CEIPs Vilaverde – Mourente, Ponte Sampaio, A Xunqueira 1 e o Froebel que se achegaron dentro do programa de visitas escolares concertadas.
A música é a nosa maxia preferida, por iso convidamos a Sonsoles Penadique ás contadas escolares. Trouxo a historia do chintófano de Dorothé, que fai un percorrido pola vida da musicóloga suíza que percorreu Galicia nos anos 70 recollendo, cun trebello máxico, toda a música popular galega.
A rapazada do EEI Crespo Rivas e os CEIP Ponte Sampaio e Xunqueira 1 puido gozar tamén dos amigos de Migallas Teatro e Bea Campos que puxeron a súa imaxinación a voar.
Tamén tivemos unha visita moi especial dentro da nosa programación do país convidado. Visitounos Pere Tobaruela o escritor catalá afincado en Galicia, que escribe tanto en galego coma en catalán e con el tivemos a posibilidade de escribir unha historia de xeito colectivo. Inventamos personaxes, trama, escenarios…todo todiño de principio a fin. Se hai unha maxia que nos presta é a de xogar coas palabras e convertelas en historias!
Imaxinar personaxes na nosa cabeza e plasmalos en papel é máxico. Con Rena Ortega coñecemos como e cando viviron os dinosaurios e fixemos máscaraa. Con Susana Suniaga traballamos sobre O mago de Oz. Pero sabedes o que é realmente máxico??! A ciencia!! Grazas a Ceo Aberto descubrimos como de certa é a frase de Arthur C. Clarke de que “calquera tecnoloxía suficientemente avanzada é indistinguible da maxia”. Xogamos cun submarinista ou diaño de Descartes ao ketchup da verdade e coa acumulación de carga eléctrica puxemos os pelos de punta, etc. Que divertida é a ciencia!!
Ao gato Klops o día non lle pode ir peor: pícanlle os mosquitos , chove, a avoa bérralle … que máis lle pode suceder? De súpeto, unha estrela aparece diante do seu pequeno fuciño… Será ao final un día tan malo para Klops? A ilustradora e escritora Estefanía Padullés estivo esta tarde no Salón contando e debuxando a historia deste felino. O mellor de todo é que ao remate, puidemos encher de cores o seu debuxo!
No obradoiro de ilustración de Estefanía Padullés démoslle a volta á lenda catalá de San Jordi que conta a historia do dragón, a princesa e a rosa.
E como somos donos e donas da nosa imaxinación convertemos o dragón malo nun dragón riquiño que reparte flores. Temos unha cativada ben artista!
Na tarde de hoxe recibimos a visita dos amigos da Radio Galega que viñeron entrevistar aos nosos convidados cataláns e coñecer o Salón deste ano.
Que ben o pasamos no Salón!