Preguntástesvos algunha vez por que nos gustan as Meninas? Ollo, non nos entendades mal, é unha auténtica xoia artística!
Ou, por que consideramos a obra de Picasso unha xenialidade, como a de tantos outros e outras artistas “consagrados” da Historia da Arte?
Son algunhas das reflexións que fai Miguel Ángel Cajigal Vera (El Barroquista) no seu ensaio “Outra historia da arte”. Sobre este tema versou o faladoiro que tivemos no Salón. O autor fíxonos reflexionar arredor da actual concepción da creación artística baseada nun cánon preestablecido que, no canto de favorecer a aprendizaxe e o achegamento á arte, ten condicionado o “gusto artístico” do público xeral.
El Barroquista invítanos a pensar e achegarnos á obra artística desde outra perspectiva, con outra mirada. Sen concepcións nin condicionamentos previos.
Conducíu esta inspiradora charla a xornalista do Diario de Pontevedra, Belén López e, sen dúbida, foi un faladoiro #ConMoitaArte!

















